O PP quere un informe xurídico que avale o contrato de mantemento de parques e xardíns

Pontevedra
26 de marzo 2013

Jacobo Moreira recorda que a empresa Elsamex foi contratada o 1 de febreiro de 2006 por un período de catro anos, prorrogable ata un máximo de seis, e denuncia que se trata do segundo ano seguido en que o Concello de Pontevedra prorroga o contrato sen sacalo a concurso

Jacobo Moreira, voceiro do grupo municipal do PP de Pontevedra
Jacobo Moreira, voceiro do grupo municipal do PP de Pontevedra / PontevedraViva

O voceiro do PP en Pontevedra, Jacobo Moreira, solicitou este martes un informe xurídico específico á Secretaría municipal sobre a legalidade da recente decisión d Goberno local de prorrogar trece meses máis o contrato de mantemento e conservación de xardíns sen convocar o preceptivo concurso público.

Jacobo Moreira recorda que a empresa Elsamex foi contratada o 1 de febreiro de 2006 por un período de catro anos, prorrogable ata un máximo de seis, cun orzamento de 437.051,36 euros anuais e denuncia que se trata do segundo ano seguido en que o Concello de Pontevedra adopta a mesma resolución.

Así, esgotadas as prórrogas legais, en 2012, aduciuse a que o proceso de licitación "aínda levaría un tempo" e o concelleiro de Facenda, Raimundo González, propuxo a renovación. Aquela proposta fora rexeitada por Secretaría e Intervención, pero aprobouse igualmente.

Moreira quere que agora, coa nova prórroga xa asinada, o secretario municipal volva a informar sobre o asunto e se pronuncie especificamente sobre a legalidade da resolución. De feito, desde a súa denuncia pública do pasado 4 de marzo, o voceiro dos 'populares' "segue a esperar unha explicación sensata do equipo de goberno sobre as dúas últimas renovacións contractuais concedidas a Elsamex".

Segundo o PP, a única xustificación sobre a decisión, "totalmente peregrina", veu no seu día da concelleira Anxos Riveiro, que aduciu a un suposto ou hipotético aforro e á utilización de presuntos "resquicios legais". Segundo ela, un novo concurso público resultaría máis oneroso para as arcas municipais hoxe que en 2006, pero Jacobo Moreira non comparte en absoluto esa inxustificable opinión: "todo, menos os soldos do equipo de goberno, é hoxe máis barato que no ano 2006, só teñen que comparar o número de empresas que concorren a cada convocatoria pública agora coas que o facían hai sete anos".

Arquivado en