O grupo municipal do Partido Popular defenderá unha moción no pleno de xuño para que o Concello de Pontevedra comece os estudos e trámites necesarios para solicitar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo que declare ao barrio da Moureira como Área de Rehabilitación Integral (ARI).
Segundo explicou o concelleiro do PP, Iago Acuña, o obxectivo é "afianzar a poboación que vive na Moureira", permitindo que se poidan acoller a axudas económicas para mellorar a estrutura ou a eficiencia enerxética das súas vivendas.
Doutra banda, con esta iniciativa tamén se busca "incentivar o mercado inmobiliario para que novos compradores poidan restaurar e mellorar as edificacións existentes", expuxo.
O PP asegura que esta zona do centro urbano é "un dos barrios que sufriu un declive considerable" e considera que "o Concello debe facer todo o que estea na súa man para conservar todo o patrimonio edificado na Moureira".