O PP provincial alerta do perigo e o abandono do polígono industrial de Barro

Barro
04 de xuño 2020

Esixen que se corrixa a presenza de arquetas sen tapa ou ocultas pola maleza e a falta de iluminación para evitar que o recinto perda o seu atractivo para o asentamento de empresas

Deputados e concelleiros do Partido Popular alertan do estado de abandono do polígono industrial de Barro
Deputados e concelleiros do Partido Popular alertan do estado de abandono do polígono industrial de Barro /

O grupo provincial do Partido Popular alerta de danos e problemas de seguridade na contorna do polígono industrial de Barro. Deputados e concelleiros desta formación visitaron o lugar para comprobar o "estado de abandono e falta de mantemento das principais instalacións e servizos que abastecen ao recinto", sinalan os populares, que esixen unha actuación "urxente".

Os deputados populares Jorge Cubela, Elena Estévez e Javier Tourís estiveron nestas instalacións acompañados polos edís do PP de Barro. Durante a visita contaron "ata cinco arquetas sen tapa ou con tapa de madeira podrecida, ocultas pola maleza e que son un risco para calquera persoa que camiñe pola zona", denuncian.

Desde o grupo provincial xa anunciaron que levarán a cabo iniciativas para reclamar á Deputación e ao Concello de Barro que se acometa o mantemento do polígono, tanto na roza, como na iluminación ou na posta a piques da seguridade. 

"Sentímolo polos emprendendores e empresarios, que teñen que ver e sufrir este estado non só de abandono, tamén de perigo", sinala o portavoz do grupo provincial, Jorge Cubela. "Este polígono ten todo a favor para que as empresas queira asentarse nel, cunha localización excepcional, polo que non se entende o deixamento das administracións na súa posta a punto e mantemento", lamenta Cubela.

Nesta liña tamén se pronuncian tamén desde o PP local, o concelleiro José Suárez lembra que "levamos tempo denunciando a situación calamitosa na que se atopa este polígono, xa advertimos tamén do perigo destas arquetas, pero despois de dous meses a situación de risco está completamente igual, non tomaron ningunha medida".