O PP propón trasladar o petróglifo aparecido en Salcedo para construír o campo de fútbol

Pontevedra
10 de outubro 2017

A construción do campo de fútbol no lugar de Cabanas, en Salcedo, é a solución "idónea" para dar servizo á parroquia, segundo o PP. De aí que propoñan que se traslade o petróglifo que apareceu nos terreos para poder situar neles este equipamento deportivo

Intervención arqueolóxica en Salcedo
Intervención arqueolóxica en Salcedo / Concello de Pontevedra

A construción do campo de fútbol no lugar de Cabanas, en Salcedo, é a solución "idónea" para dar servizo á parroquia, segundo o PP. De aí que propoñan que se traslade o petróglifo que apareceu nos terreos para poder situar neles este equipamento deportivo.

Nunha moción que trasladarán ao pleno, os populares instarán o Concello para que solicite á Consellería de Cultura e Educación permiso para trasladar o petróglifo a outra localización, salvagardando o seu valor, para poder levantar o campo de fútbol no seu sitio.

O edil Tomás Abeigón considera necesario "agotar todas las posibilidades" para poder lograr a construción do campo de fútbol en Cabanas, ao entender que permitiría crear un núcleo de equipamentos educativos e deportivos que ofreza "sinergías entre sí" beneficiando a veciños e alumnos do colexio.

O PP considera que o campo de fútbol ten un "interés social" para a parroquia e avanzan que "pelearemos con todas nuestras fuerzas" para que se constrúa no lugar previsto inicialmente.

Aínda que o Concello xa anunciou, xunto coa comunidade de montes, o proxecto para situar o campo de fútbol nos antigos terreos do campo de tiro da Brilat, o PP entende que ese lugar non é o axeitado ao estar afastado da poboación e, polo tanto, aumentar o risco de que se produzan roubos ou actos vandálicos.