A provincia de Pontevedra volveu a ser un dos principais bastións do PP galego. Gañou estas eleccións do 18F en 54 dos 61 concellos da provincia. O BNG fíxose coa vitoria nos sete restantes, entre eles no Grove, Soutomaior e Vigo.
Os populares, cunha candidatura que lideraba o propio Alfonso Rueda, lograron manter as once actas de deputados que lograron en 2020. Fixérono mellorando incluso os seus resultados de fai catro anos, ao sumar 218.907 votos (44,06%), un 1,69% máis.
Oito deputados sumou o BNG, dous máis que nas últimas eleccións. Logrou un gran crecemento, dez puntos máis que en 2020, conseguindo o respaldo de 172.226 pontevedreses e pontevedresas, o 34,66% do total.
O BNG, que na provincia encabezaba Luis Bará, foi o partido máis votado no Grove, Soutomaior, Catoira, Vigo, Redondela, Moaña e Cangas.
Os dous deputados máis que conseguen os nacionalistas réstanllos ao PSdeG-PSOE, que queda con tan só tres actas. Quedaron no 14,69% dos votos, un 8,40% menos, ao aglutinar o apoio dun total de 73.027 persoas.
Sumar, por apenas oitocentos votos, queda na cuarta praza, pero moi lonxe do 5% que necesitaban para ter representación no Parlamento galego. Quedaron en 12.008 votos, o que supuxo só un 2,41%.
Vox, con 11.204 votos (2,25%); PACMA, con 2.132 votos (0,42%); e Podemos, con 1.483 votos (0,29%); acabaron aínda moito máis lonxe.
RESULTADOS NA CIDADE DE PONTEVEDRA
En Pontevedra cidade, o PP foi o máis votado con 20.313 votos (44,96%). É un 1,53% máis que nas eleccións do 2020. Detrás quedou o BNG, que crece case sete puntos, e sumou o apoio de 15.571 cidadáns, un 34,46%.
Os socialistas, pola súa banda, tivéronse que conformar cun 13,84% dos votos, con 6.256 das súas papeletas nas urnas, mentres que Sumar superou a Vox pola mínima, 1.046 (2,31%) fronte a 1.000 votos (2,21%).
A Podemos (117, 0,25%) pasoulle PACMA (218, 0,48%) e moi preto deles quedou a candidatura de Escanos en Branco, con 104 votos (0,23%).