O PP presume de boa xestión durante as crises para pedir o voto nun almorzo con empresarios en Sanxenxo

Sanxenxo
06 de xullo 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polos conselleiros Román Rodríguez e Valeriano Martínez, así como do alcalde Telmo Martín, defendeu os investimentos en sanidade, xustiza, emerxencias e turismo

O Partido Popular organiza un almorzo con empresarios en Sanxenxo como acto de campaña electoral
O Partido Popular organiza un almorzo con empresarios en Sanxenxo como acto de campaña electoral / Partido Popular de Pontevedra

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, participou esta mañá nun almorzo con empresarios de Sanxenxo xunto aos conselleiros e candidatos da provincia, Román Rodríguez e Valeriano Martínez ademais do alcalde e presidente da agrupación local, Telmo Martín. No acto, o vicepresidente puxo en valor o papel do goberno de Feijoo no últimos once anos "para converter a Galicia nunha comunidade solvente tras a crise económica", relatan desde o partido.

A xestión da pandemia da  Covid-19 foi outro dos argumentos esgrimidos polo vicepresidente para avalar a xestión do goberno de Feijoo e subliñou os investimentos realizados en Sanidade e a anticipación como factores crave no control da crise sanitaria.

Á marxe da xestión das crises, o vicepresidente da Xunta puxo tamén en valor os investimentos en infraestruturas xudiciais durante os últimos anos. Máis de 100 millóns de euros destináronse á execución de 66 proxectos entre os que se atopan os novos xulgados da Parda, lembrou.

A nivel local, Rueda destacou o importante papel do GES de Sanxenxo á hora de atender as emerxencias no  Concello e a comarca de Sanxenxo. Neste sentido tamén destacou o esforzo da Xunta para contar con servizos de emerxencias ben preparados para facer fronte a calquera incidente e previr riscos.

Pola súa banda, o conselleiro de  Facenda, Valeriano Martínez, destacou a capacidade da Xunta para aprobar presupostos ano a ano e que conten cun balance de contas saneadas. Para apoiar a súa tese, citou un informe do Banco de España que ratificou a Galicia como a comunidade autónoma que menos aumentou o seu volume de débeda desde o 2008. 

Tamén subliñou a capacidade do executivo autonómico para inxectar liquidez ás empresas en tempos de pandemia ou a rapidez no pago a provedores nun prazo de 15 días.

Sobre o modelo de turismo sostible e de calidade falou Román Rodríguez, quen asegurou que no últimos cinco anos o traballo da Xunta centrouse en consolidar un modelo propio centrado neses dous aspectos.

Ademais, lembrou que levan meses traballando no selo Galicia, destino seguro, que engloba un paquete de medidas cun investimento superior aos 8 millóns que ten como obxectivo garantir a seguridade sanitaria dos visitantes, profesionais e do conxunto dos galegos.