O PP pregunta se a posta en marcha da Ronda Leste para maio de 2019 obedece a intereses electorais

Pontevedra
13 de decembro 2018

Para o grupo provincial do Partido Popular a visita que este mércores fixo o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, ás obras da Rolda Leste é unha "posta en escena" para "intentar tapar a incompetencia deste goberno provincial para desenvolver proxectos"

Obras de construción da Ronda Leste
Obras de construción da Ronda Leste / Mónica Patxot

Para o grupo provincial do Partido Popular a visita que este mércores fixo o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, ás obras da Rolda Leste é unha "posta en escena" para "intentar tapar a incompetencia deste goberno provincial para desenvolver proxectos".

O voceiro do PP, Ángel Moldes, sinala tamén que "esta obra é unha mostra clara de que a Deputación de Pontevedra co goberno de Carmela Silva e César Mosquera non arranca".

Nesta liña, lamenta que volve a pasar outro ano máis e os veciños da cidade continúan sen poder beneficiarse dun proxecto tan importante como a Rolda Leste, que a estas alturas xa debería estar rematada. "Leva un atraso enorme, en xuño de 2015 estaban coa licitación dos traballos, e non nos convencen as excusas de quen son incapaces de sacar ningún proxecto adiante", puntualiza.

Así, Moldes recorda que "en calquera obra sempre saen imprevistos, pero hai que esforzarse por dárlle resposta o máis axiña posible e non demorar os proxectos en tres anos, como o que está acontecendo aquí".

Ademais, apunta que este proxecto non só é de Deputación, tamén está incluído no convenio o Concello de Pontevedra, e ademais o propio vicepresidente, que naquel momento estaba na oposición, tamén formou parte da mesa de contratación en 2015.

Para os populares que Mosquera "fale de que as obras avanzan a bo ritmo é totalmente incomprensible, a non ser que o atraso da súa posta en marcha para maio de 2019 obedeza a intereses partidistas e electorais. Estaría ben que nos aclarasen se esta é a razón, ou que esta obra é un exemplo máis de que son incapaces de sacar ningún proxecto adiante, nin en Pontevedra cidade nin no resto da provincia".

VÍA LIBRE DE LOMBOS

Por último, os populares volven a reclamar que a Rolda Leste sexa unha vía libre de lombos, xa que vai ser o principal acceso sanitario ao Hospital de Montecelo.

Segundo as cifras que manexa o PP por esta estrada transitarán o 70% dos traslados hospitalarios, tanto urxentes como ambulatorios, polo que ao non tratarse de unha vía de características urbanas consideran "imprescindible" que quede libre de lombos e facilitar así os tempos de resposta das ambulancias e evitar, ademais, que se agraven as patoloxías dos pacientes usuarios.

Arquivado en