O PP pide novas dependencias "consensuadas e libres de gastos" para trasladar as instalacións da Xunta na Xunqueira de Alba

Pontevedra
19 de xaneiro 2022

O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, lamentou que o Partido popular rexeitara este mércores a iniciativa nacionalista que reclamaba o traslado das instalacións da Xunta en A Xunqueira de Alba, ao parque empresarial de Fragamoreira, en Poio, co fin de recuperar este Espazo Natural de Interese Local e convertelo nunha zona verde arborada e con potenciais usos recreativos

Motobombas da Xunta aparcadas na Xunqueira de Alba
Motobombas da Xunta aparcadas na Xunqueira de Alba / PontevedraViva

O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, lamentou que o Partido popular rexeitara este mércores a iniciativa nacionalista que reclamaba o traslado das instalacións da Xunta en A Xunqueira  de Alba, ao parque empresarial de Fragamoreira, en Poio, co fin de recuperar este Espazo Natural de Interese Local e convertelo nunha zona verde arborada e con potenciais usos recreativos.

O deputado do grupo do Partido Popular, José Manuel Balseiro afirmou no Parlamento galego que a Xunta está disposta ao traslado das súas instalacións na marisma do Alba pero apuntou que "corresponde ao Concello ou á administración titular destes terreos ofertar á administración galega unhas novas dependencias, nun emprazamento consensuado e asumindo os custes de construción e traslado".

A Xunta conta na Xunqueira de Alba con dúas edificacións en dúas parcelas, unha da Axencia Galega de Infraestruturas con varias edificacións e outra de Medio Ambiente utilizada na actualidade por Medio Rural para labores contra os incendios. Nestes terreos tamén están presentes o parque de maquinaria e a imprenta da Deputación e unhas naves de Costas e outras instalacións da Dirección Xeral de Trafico, dependentes da Administración Xeral do Estado.

José Manuel Balseiro criticou que o Concello de Pontevedra "anunciara a bombo e prato que quere recuperar todas as concesións en terreos de costa, incluídas as da xunqueira de Alba, pero quere facelo aplicando a lei do mínimo esforzo: pedindo ás empresas e administracións que renuncien ás súas concesións a cambio de nada e sen presentar un plan de alternativas".

O deputado do PP asegurou que "nin o convenio asinado entre a Xunta e Concello, nin a figura de protección ambiental que existe nesa zona obriga a poñer fin a eses usos, nin dar por caducadas esas concesións".

O deputado do BNG, Luís Bará, lamentou que o Partido Popular votara en contra da iniciativa nacionalista "impedindo liberar os terreos para crear unha zona verde arborada e con potenciais usos recreativos" e acusou á Xunta de "okupa".

Bará sinalou que "o verdadeiro problema" é o "desleixo" da Xunta para xestionar o traslado como está a facer a Deputación provincial e a respecto do Goberno do Estado respondeu ao portavoz popular que "o BNG conta cun deputado no Congreso que xa presentou emendas sobre este tema" a incluír nos orzamentos solicitando "cinco millóns de euros" para recuperar a franxa marítimo costeira de Pontevedra, e concretamente para este espazo.

Tras o rexeitamento do PP á iniciativa o deputado Luis Bará criticou á Xunta polo "abandono, desleixo e desprezo a Pontevedra" e recalcou que a Boa Vila "non paga a traidores".