O PP pide non caer no exceso de confianza e tampouco no medo de ir a votar o domingo

O Salnés
05 de xullo 2020

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu acudir ás urnas "porque a abstención é un voto directo ao multipartito", insistindo en que, "se o 12 de xullo non votamos, sairemos perdendo todos os galegos". Incidiu que a prioridade neste momento é combater a pandemia sanitaria, polo que dixo que "non imos baixar a garda e seguiremos tomando decisións".

Mitin de Feijóo en Vilagarcía
Mitin de Feijóo en Vilagarcía / PPdeG

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu acudir ás urnas "porque a abstención é un voto directo ao multipartito", insistindo en que, "se o 12 de xullo non votamos, sairemos perdendo todos os galegos". Incidiu que a prioridade neste momento é combater a pandemia sanitaria, polo que dixo que "non imos baixar a garda e seguiremos tomando decisións".

Nun mitin en Vilagarcía, resaltou que non se pode dar nada por feito e engadiu que as vitorias non se logran con enquisas nin esperando na casa a que sucedan senón indo a por elas: pedindo o voto e votando. "Non deixemos de votar por máis seguros que esteamos de cal vai ser o resultado nin de cal é o resultado que Galicia precisa", salientou apuntando que tamén hai que pedirlle o voto aos que non votaron aos populares noutras eleccións "porque será bo para eles que a Comunidade teña un goberno estable, con experiencia, que ten claro o que hai que facer e capacidade para facelo".

Logo de destacar a importancia de que os galegos se unan nas urnas para avanzar xuntos e evitar a fragmentación e a parálise, o presidente defendeu non hipotecar catro anos de Galicia, de recuperación, de progreso e de benestar "por un día de relaxación".

Feijóo lembrou que, malia que superamos o peor da pandemia, o virus segue aí e "hai que seguir xestionando este problema con seriedade, con experiencia e con respostas coordinadas". "O primeiro obxectivo dun goberno serio ten que ser a saúde pública e protexer a saúde dos galegos, como fixemos durante tantas semanas e tantos meses", lembrou.

Neste sentido, manifestou que "pedimos aos veciños da Mariña lucense que extremen as precaucións". 

Durante a súa intervención, Feijóo aclarou que ao longo destes anos nunca fallou ao seu compromiso con Galicia. "Eu fixen o que dixen", sinalou antes de asegurar que "non vou acertar sempre, pero si digo que non lle vou fallar a Galicia nunca". Neste sentido, recoñeceu que fai sempre todo o posible pola nosa Comunidade, pedindo o voto para que Galicia tenga un Goberno e un presidente libres, que só se deban a cumprir cos seus compromisos.

Pola súa banda o presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, tamén insistiu este domingo en que ninguén se fíe doutra enquisa que a das urnas o 12 de xullo. "Estas mesmas enquisas tamén as tiña o Bipartito en 2009, son tan boas como as que tiña Touriño cando lle dicían que era imposible que perdera e que gañara Feijóo, e todos sabemos o que pasou ao final. Perdeu Touriño e gañou Feijóo. Polo tanto, que ninguén se fíe doutra enquisa que non sexa ir a votar".

Rueda criticou que nestes últimos días estean intentando meter medo á xente coas votacións. "Hai que preguntarse por que lles molesta que a xente vaia libremente a votar", e pediu que ninguén deixe de votar "con tranquilidade, seguridade e liberdade". Nesta liña, dixo que "está todo preparado para que nestas circunstancias tan difíciles votar sexa tan normal como outras actividades que estamos facendo estes días".