O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra Pablo Fernández mostra a oposición frontal da súa formación ao proxecto do Concello de peonalización da rúa Alemaña, despois de reunirse con veciños do barrio de Monte Porreiro.
"A opinión cidadá debe ser a base de calquera obra destas características. As necesidades e demandas dos que alí residen deben ser claves á hora de levar a cabo calquera actuación urbanística. A postura dos residentes en Monte Porreiro é clara: total oposición", desvela o edil.
Fernández pide ao Concello “repensar a decisión de cortar ao tráfico a rúa que vertebra o barrio. É o resultado de non escoitar aos veciños, ignorar as súas necesidades e agora impoñer unha reforma que non é compartida polo barrio", sinala o concelleiro, que acusa o goberno local dunha forma de actuar recorrente que consiste en "non escoitar e impoñer".
O popular detallou que hai “moitísimas necesidades básicas para cubrir en Monte Porreiro antes de levar a cabo unha actuación que ninguén comparte nin pide”. Ademais, Fernández engadiu que é “incrible” que agora, despois de presentar o proxecto, o concelleiro de obras do BNG fose a defender esta reforma “ás agachadas en diferentes locais do barrio”.