O PP pide ao Concello que lle busque a ENCE terreos para a súa planta de biomasa

Pontevedra
04 de febreiro 2016

Os populares afirman que a instalación dunha planta de biomasa xeraría arredor de 750 postos de traballo entre directos e indirectos polo que Pontevedra "non pode desaproveitar esta oportunidade"

A biomasa é a utilización da materia orgánica como fonte enerxética
A biomasa é a utilización da materia orgánica como fonte enerxética

O grupo municipal do Partido Popular ven de solicitar ao goberno local de Pontevedra que analice os posibles emprazamentos, dentro do municipio, para a instalación da planta de biomasa que a empresa Ence prevé construír tras lograr a adxudicación na última poxa de renovables.

Os populares fan esta singular proposta atendendo ao seu "compromiso coa xeración de emprego en Pontevedra".

O concelleiro popular, César Abal, apuntou este xoves que "se queremos que Pontevedra medre en materia de emprego, sería bo que o Concello comezase a traballar neste sentido".

Segundo os datos que manexan no PP local, estímase que a instalación dunha planta de biomasa xeraría arredor de 750 postos de traballo entre directos e indirectos, "ao que habería que engadir as 300 persoas que traballarían na súa construción", engaden.

No grupo municipal do PP entenden que Pontevedra "non pode desaproveitar esta oportunidade" xa que ademáis da creación de postos de traballo sinalan que "tamén que contribuiría á mellora do medio ambiente e ao desenvolvemento do medio rural ", apuntou o edil popular.

Por estes motivos, no vindeiro Pleno municipal os populares presentarán unha moción instando ao goberno local a que estude a localización máis axeitada e así mesmo llo comunique á empresa.

Arquivado en