O PP pide ao Concello de Poio que fale coa veciñanza antes de pintar as estradas prohibindo o estacionamento

Poio
06 de xuño 2021

Segundo os populares, "prohíben de forma xeneralizada, sen informar aos veciños, sen consultar aos afectados, sen buscar alternativas e sen crear novas prazas"

Estrada recén pintada con liñas amarelas
Estrada recén pintada con liñas amarelas / PP de Poio

O Grupo Municipal do PP de Poio trasladará á Comisión Municipal de Urbanismo desta semana o malestar de veciños de distintas zonas do concello polo pintado "sen informar, sen consultar e sen dar alternativa" de liñas amarelas prohibindo estacionar en lugares onde os veciños acostuman aparcar.

Os populares poñen de exemplo a última actuación do Concello de Poio neste sentido na zona do camiño do Redondo e o camiño Casas, en Combarro, "cun extenso pintado de zona amarela feito da noite para a mañá sen coñecemento dos veciños", según estes informaron ao PP a pasada semana.

Na comisión deste martes, o Grupo Popular trasladará a queixa destes veciños, preguntará se os afectados en cada lugar están sendo consultados ou informados antes do pintado de zonas amarelas e esixirán explicacións pola forma de proceder coas prazas de aparcamento. 

"Prohiben de forma xeneralizada, sen informar aos veciños, sen consultar aos afectados, sen buscar alternativas e sen crear novas prazas", declararon os populares.

Rocío Cochón recordou que os problemas de aparcamento son unha "preocupación real" na maioría de zonas de Poio, "e supoñen cada vez un quebradeiro de cabeza maior para veciños, empresarios, comerciantes ou visitantes ", e subliñou que "o Tripartito non ten maneira de botar balóns fóra porque a responsabilidade de poñer prazas de aparcamento é exclusivamente municipal, pero en vez de poñer prazas, as quitan".

Cochón destacou que os populares só nos últimos meses os populares volveron atender as queixas dos veciños e comerciantes en numerosas zonas de Poio, como Campelo, Porteliña, Anafáns, Raxó ou Combarro, e lamentou a "incapacidade" do Goberno local de dar solucións, "fixeron mil anuncios pero puxeron cero prazas de aparcamento", e advertiu que coa chegada de visitantes en verán "a situación vaise agravar moito máis".