O PP pide a "renovación urxente" do contrato de recollida de lixo e que se converta en "unha prioridade"

Pontevedra
29 de setembro 2023

O edil popular Iago Acuña aposta por "crear unha mesa de traballo co obxectivo de sacar a licitación un contrato realista ante a alarmante falta de persoal e os medios obsoletos que conta Pontevedra"

Camión de recollida do lixo
Camión de recollida do lixo / PontevedraViva

O concelleiro do Partido Popular en Pontevedra Iago Acuña solicitou este venres a "renovación urxente" do contrato da recollida de lixo do municipio. 

Pide o edil que se converta nunha "prioridade" para o goberno local despois de "anos de falta de interese e mala xestión" prorrogando o anterior contrato que regulaba o servizo.

Asegura Acuña que elaborar un novo contrato é necesario ante "o aumento das queixas dos veciños das zonas máis castigadas pola sucidade que se acumula", tanto no centro urbano como nas parroquias do rural.

Fala o concelleiro de "contedores en moi mal estado" e de "verteduras incontroladas" que en ocasións "pasan demasiados días sen recollerse".

Por todo iso o grupo municipal do PP propón crear unha mesa de traballo "co obxectivo de sacar a licitación un contrato realista ante a alarmante falta de persoal e os medios obsoletos que conta Pontevedra".