O Partido Popular reclama ao Goberno en funcións da Deputación de Pontevedra que paralice a toma de decisións que poden comprometer as prioridades do novo Goberno provincial.
O voceiro popular Jorge Cubela recorda que a partir de xullo, cando se celebre o pleno de constitución da nova corporación provincial, "haberá un novo Goberno que será o que teña lexitimidade para decidir sobre os proxectos e as accións da Deputación de Pontevedra".
Os populares entenden que, ata ese momento, "o Goberno en funcións, por ética, prudencia e responsabilidade, non debería tomar ningunha decisión que comprometa o futuro da institución provincial ".
Por iso, solicitan a "inmediata cancelación" da reunión prevista para o próximo 5 de xuño do xurado que vai valorar os anteproxectos de Santa Clara "e calquera outra que puidera estar previsto no periodo de Goberno en funcións".