O PP pide á Deputación que informe debidamente aos concellos sobre as medidas adoptadas para a loita contra o coronavirus

Pontevedra
26 de marzo 2020

Os populares entenden que agora máis que nunca é importante ser totalmente rigorosos con todas as informacións que se ofrecen, por iso piden ao Goberno provincial que expliquen correctamente a concellos e cidadáns as medidas que adoptou o comité de seguimento durante esta crise excepcional

Comité de Seguimento da Deputación de Pontevedra fronte á pandemia do COVID19
Comité de Seguimento da Deputación de Pontevedra fronte á pandemia do COVID19 / Deputación de Pontevedra

O grupo provincial do Partido Popular pediu ao Goberno da Deputación que sexa rigoroso á hora de anunciar as medidas extraordinarias adoptadas polo comité de seguimento do COVID-19, no que participou o voceiro do grupo Jorge Cubela. 

Os populares manifestaron que é un erro falar de 25 millóns extras que van recibir os concellos de menos de 20 mil habitantes da provincia, cando a realidade é que o fondo extraordinario é de 1,3 millóns de euros.

O resto dos cartos, corresponden aos servizos sociais comunitarios e ás taxas e impostos que os concellos teñen delegados no Oral. Eses cartos, son os que lles corresponden aos concellos atendendo ás competencias propias da Deputación de Pontevedra, o único cambio que hai con respecto ao ano pasado é que se adianta a súa convocatoria no primeiro caso, e no segundo, se aprobaron unhas bases para que os concellos que queiran poidan solicitar un anticipo. Polo tanto, é diñeiro que xa ían recibir e que lle corresponden aos concellos.

Os populares entenden que agora máis que nunca é importante ser totalmente rigorosos con todas as informacións que se ofrecen, por iso piden ao Goberno provincial que expliquen correctamente a concellos e cidadáns as medidas que adoptou o comité de seguimento durante esta crise excepcional.