O PP pedirá a retirada de axudas municipais a Galiza Nova por queimar un boneco coa cara do Rei

Pontevedra
17 de outubro 2018

Os populares solicitarán esta medida no vindeiro pleno ao entender que este tipo de actos distan moito do que entenden como liberdade de expresión. Cren que só incitan ao odio e á violencia

Acto de Galiza Nova queimando un boneco coa imaxe do Rei Felipe VI
Acto de Galiza Nova queimando un boneco coa imaxe do Rei Felipe VI / Twitter Galiza Nova

O Partido Popular presentará unha moción no vindeiro pleno de Pontevedra no que reclamará a retirada da financiación á organización xuvenil do BNG, Galiza Nova. Xustifican a medida nos feitos ocurridos o 12 de outubro cando membros da agrupación organizaron un acto en Santiago de Compostela "contra os símbolos institucionais" baixo o lema "Lume á Monarquía".

Durante este acto, como os integrantes de Galiza Nova fixeron público na red social Twitter, queimábase un boneco coa imaxe do Rei Felipe VI. Os manifestantes publicaban unha mensaxe en que sinalaban que apostan por construír unha "República da Galiza, na que as mozas e mozos poidamos ser verdadeiramente libres" e utilizaban os hashtag: #LumeÁMonarquía #12oNadaQueCelebrar #RepúblicaGalega.

Para o concelleiro do Paritdo Popular César Abal este acto "atenta contra as normas de convivencia e respecto polas que se rexe o sistema democrático". Entenden que esta acción non se pode definir como liberdade de expresión senón como un insulto e falta de respecto aos cidadáns. Por este motivo queren que o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, deixe de apoiar con cartos públicos este tipo de actuacións.

Desde 2015, segundo os datos que manexa o PP, Galiza Nova recibiu 1.800 euros do Concello amparándose en "supostas insercións publicitarias". Por este motivo consideran que se Lores mantén esta financiación e non rexeita este tipo de actos "se converte en socio e cómplice" das intervencións que realiza Galiza Nova.

Os populares tamén fan referencia ao acto doconcelleiro nacionalista e deputado no Parlamento de Galicia, Luís Bará, por romper unha foto do monarca na sede parlamentaria. Este tipo de actos, segundo Abal, fomenta o odio, a crispación e a violencia.