O grupo provincial do Partido Popular presentou unha moción ao pleno deste venres na que esixe "alternativas" á Deputación de Pontevedra fronte aos "sete proxectos paralizados" polo goberno que preside Carmela Silva.
A portavoz popular, Nidia Arévalo, explicou que nas últimas semanas percorreron a provincia sinalando a situación dunha serie de obras "que estaban contratadas e a piques de iniciarse" e que agora se atopan "todas anuladas" por decisión do goberno do Partido Socialista e o BNG.
Nidia Arévalo considera que Carmela Silva é "a presidenta da paralización" e que esta serie de proxectos "reflicten o que foi a acción do goberno provincial desde hai dous anos".
Sinala o PP os proxectos da Rolda Leste, de Pontevedra; a variante de Rebón, en Moraña; a estrada Mosteiro-Arcos, de Meis; a estrada Coirón-Ribadumia-Leiro, en Ribadumia; Xesteira-Almofrei, en Cotobade; Baión-András, en Vilanova de Arousa e O Viso-Hío, en Cangas.
Estes proxectos para sete estradas en distintas comarcas da provincia suman máis de sete millóns de euros, segundo informou Nidia Arévalo, que confesou estar "cansada" de presentar propostas nos plenos "sen que se atendan as demandas desta poboación".
Nidia Arévalo afirmou que estas infraestruturas están "anuladas sen xustificación" o que supón "rirse de toda a cidadanía".
A estas críticas a portavoz do PP sumou outra queixa, o cansanzo dos populares porque "se nos insulte" dixo Nidia Arévalo respecto ao cualificativo de "hooligans" que utilizou a presidenta da Deputación ante o comportamento dos deputados do PP por colgar carteis nas estradas provinciais denunciando as "obras paralizadas". "Nós somos respectuosos e non lle imos a contestar", apuntou Arévalo.