O PP non se une ao rexeitamento da corporación á "invasión eólica" nos montes de Pontevedra

Pontevedra
17 de abril 2023

A Fracha, O Castrove e O Acibal. Son, por agora, os tres montes da área de Pontevedra incluídos na vaga de parques eólicos que se impulsan en Galicia. Todos eles xeraron unha enorme preocupación entre as comunidades afectadas e no seo do goberno municipal

Pleno da corporación municipal de Pontevedra
Pleno da corporación municipal de Pontevedra / Mónica Patxot

A Fracha, O Castrove e O Acibal. Son, por agora, os tres montes da área de Pontevedra incluídos na vaga de parques eólicos que se impulsan en Galicia. Todos eles xeraron unha enorme preocupación entre as comunidades afectadas.

Unha "invasión eólica", segundo o goberno municipal pontevedrés, contra a que traballarán "con todos os medios que teñamos ao noso alcance", subliñou o edil de Montes, Alberto Oubiña, no pleno da corporación celebrado este luns no Teatro Principal.

Á sesión chegou, buscando o apoio do resto de partidos, a declaración aprobada por BNG e PSdeG-PSOE para apoiar aos veciños das zonas rurais nas que se pretenden construír estas "macroinstalaciones industriais" que, segundo Oubiña, "espolian e depredan ou territorio".

O concelleiro nacionalista defendeu que estes parques provocan un "grave impacto ambiental", poñen en risco espazos naturais e mananciais de auga e xeran molestias acústicas e visuais, ofrecendo "migallas envelenadas" aos propietarios dos terreos.

O portavoz socialista, Iván Puentes, defendeu que Galicia debe aproveitar as oportunidades que crea o actual escenario de transición enerxética, pero sostivo que "non se pode facer de xeito irresponsable" e optou por impulsar a eólica "con cabeza".

Estes parques, asegurou Puentes, deben xerar riqueza e oportunidades na zona e instalarse "en consenso coa veciñanza", protexendo chans agrarios e os recursos naturais, minimizando a afección ambiental e revertendo sobre o territorio parte dos seus beneficios.

O Partido Popular, pola súa banda, optou por absterse. Rafa Domínguez sinalou que comparte a preocupación veciñal pero afirma que a instalación destes parques é un asunto "a muy largo plazo" e acusou a BNG e PSdeG-PSOE de querer "ganar votos".

"Si hay una energía limpia y renovable esa es la eólica", apuntou Domínguez, que dixo que todos os parques que son aprobados pasan tramitacións ambientais "exigentes". O contrario, que vincula co BNG, é a aposta pola enerxía nuclear, o carbón ou o petróleo.

ESTUDO SOBRE A PERDA POBOACIONAL

As tornas investíronse na moción presentada polo PP para reclamar a elaboración dun estudo independente que analice as causas da perda poboacional de Pontevedra, cidade que baixou en habitantes nos dous últimos anos. Só a apoiaron os populares.

Este descenso, que Rafa Domínguez ve "imparable", estaría relacionado ao seu xuízo coa ausencia dun PXOM, a falta de emprego, o atraso na concesión de licenzas, a existencia de impostos "moi elevados" ou os problemas de transporte e aparcamento.

"Queremos que se haga un estudio que explique los motivos por los que la gente se va de Pontevedra y ofrezca soluciones porque el futuro con este gobierno es incierto", resolveu.

O edil non adscrito, Goyo Revenga, acusou ao PP de reducir a cuestións "simplistas" un problema que é global e pediu á próxima corporación que aborde este asunto "de maneira unida", implicando a todas as administracións, para evitar que Pontevedra decreza.

César Mosquera, en nome do goberno municipal, lamentou que a iniciativa do PP parta de propostas "radicalmente falsas" e de divulgar teorías "que non se sportan en nada" cando existe un problema demográfico "en conxunto".

"Que non se fagan fillos non se resolve cun PXOM. Nin os milagres de Xesucristo chegaron a iso", ironizou o edil do BNG.

Arquivado en