O PP local propón duplicar a carga fiscal a ENCE e Elnosa

Pontevedra
08 de novembro 2012

O voceiro do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, presentou medidas para modificar os impostos locais centrados nun incremento do Imposto de Actividades Económicas ás dúas empresas situadas na ría

ENCE
ENCE / Mónica Patxot

O voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, presentou unha batería de medidas fiscais para modificar os actuais impostos municipais. O principal cambio centraríase no incremento do Imposto de Actividades Económicas ás fábricas de ENCE e Elnosa que actualmente pagan 114.000 e 34.000 euros respectivamente.

O incremento proposto polo PP supoñería duplicar eses 148.000 euros. Jacobo Moreira cre "sorprendente e contraditorio" que non se cobre o máximo ao complexo industrial de Lourizán

Ao mesmo tempo, o grupo municipal popular levará ao pleno outra serie de medidas como bonificacións a familias numerosas, extinción do imposto de bens inmobles rústicos cando non se supere a cota de 100 euros e unha proposta consensuada con AEMPE para evitar a discriminación a empresas de emprendedores. O PP volve insistir na modificación da correspondente ordenanza fiscal para corrixir o exceso de recadación que o Concello aplica dende hai máis de sete anos.

Raimundo González, concelleiro de Facenda, cualificou de "patacada" estas propostas que relacionou con "a mala conciencia do PP" e sinalou que será necesario actuar con seriedade. En todo caso, sobre o incremento do IAE a Ence e Elnosa indicou que "se iso pode supoñer máis ingresos será estudado" pero "non se pode lexislar para ir en contra dunha empresa".

Arquivado en