O PP lembra á Consellería do Mar que urxe a dragaxe do río Lérez

Pontevedra
27 de xaneiro 2019

O candidato do PP por Pontevedra Rafa Domínguez mantivo un encontro coa conselleira Rosa Quintana para trasladarlle a importancia deste proxecto que ofrecerá beneficios no sector do mar e no turístico

Rosa Quintana, conselleira do Mar, conversa con Rafa Domínguez, presidente local do PP
Rosa Quintana, conselleira do Mar, conversa con Rafa Domínguez, presidente local do PP / Partido Popular

Rafa Domínguez, candidato do Partido Popular á alcaldía nos próximos comicios, mantiña un encontro nas últimas horas coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, para trasladarlle a necesidade de desatascar o proxecto de dragaxe do río Lérez.

Domínguez entende que esta medida comporta melloras económicas para o sector de persoas que traballan no mar e tamén para a actividade turística. O portavoz do PP local considera que a dragaxe vai repercutir positivamente nos bancos marisqueiros da ría de Pontevedra e tamén permitirá a mellora do calado dos barcos de recreo para que poidan acceder ao porto deportivo do Lérez.

Actualmente este proxecto de dragaxe, demandado desde diferentes axentes políticos, laborais e sociais, atópase atrancado porque a entidade competente, Portos de Galicia, entende que existe falta de consenso no sector do mar.

Esta entidade tiña previsto licitar a obra en 2018 pero diferentes entidades presentaron alegacións manifestando o seu desacordo con que o punto de vertedura dos lodos que se extraian na operación se realice na contorna da illa de Tambo.