O portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, lamentou este luns que o Goberno local "chegue seis anos tarde a buscar terreos para aparcar" en Anafáns, logo de que o concelleiro de Urbanismo anunciase a compra dunhas parcelas xunto ao centro de saúde, e recordou que eses terreos "levan podendo compralos desde fai seis anos e non quixeron".
Moldes recordou que xa en 2016, ante o problema histórico de aparcamento no centro de saúde e nesta zona de San Salvador, o PP pediu a compra de terreos para aparcar, e mesmo se reuniu co propietario e informou ao Concello da vontade de vender as parcelas. Os populares volveron solicitar a adquisición de terreos para prazas de aparcamento en varias ocasións nestes tempo, a última durante a campaña de vacinación levada a cabo polo Sergas no centro de saúde en 2021.
"A vontade dos propietarios sempre foi colaborar, e o concello tardou seis anos en buscar terreo para aparcar", dixo.
Moldes asegurou que a responsabilidade de poñer a disposición dos veciños espazo para aparcar é "exclusivamente municipal", e subliñou que o "tempo perdido" en comprar eses terreos.
O voceiro do PP expresou a súa "satisfacción" por que o Concello "fixera caso aos populares" e vaia a habilitar vinte prazas de aparcamento en Anafáns "aínda que sexan menos das necesarias e cheguen seis anos tarde", e agradeceu aos propietarios a súa predisposición e vontade de colaborar desde o primeiro momento.