O grupo municipal do PP en Pontevedra lamenta a "deficiente xestión" do goberno de Miguel Anxo Fernández Lores no edificio xudicial da Parda.
O concelleiro popular, Ricardo Aguilar, sinalou que coa "lentitude habitual" do goberno bipartito "logo de tres anos" aínda non se puxeron a disposición da Xunta os terreos necesarios para acoller a segunda sede xudicial, un inmoble comprometido pola Consellería de Presidencia e para o que se investirán 15 millóns de euros.
"Nun proceso similar ao que seguiron no seu día co frustrado proxecto do edificio das Artes"
En concreto, Aguilar Argenti, cita dúas parcelas cuxa titularidade corresponde ao Adif tal e como se recoñece no acordo adoptado pola Xunta de Goberno o pasado 18 de febreiro que ao seu xuízo "deixa completamente espidas as reiteradas mentiras que varios concelleiros do equipo de Fernández Lores lanzaron en relación con este procedemento nos últimos meses, nun proceso similar ao que seguiron no seu día co frustrado proxecto do edificio das Artes nos terreos da antiga Tafisa".
O concelleiro popular recordou que o propio Fernández Lores anunciara en decembro de 2011 que os terreos estarían a disposición da Xunta en marzo de 2012, "o anuncio, de novo, resultou ser falso", dixo.
O Concello puxo a disposición da Xunta 13 das 15 leiras e pediu a colaboración da Consellería para xestionar o cambio de titularidade das dúas parcelas de Adif. "Por encima, o Concello está pendente que outras doce parcelas, dun total de quince que entran na operación e que foron obxecto de dita expropiación, sexan inscritas ao seu nome no Rexistro da Propiedade", sinalou Aguilar Argenti.
O problema é que o convenio asinado no seu día especificaba que era necesaria a cesión da totalidade da superficie afectada polo proxecto e ademais, técnicamente, a Xunta de Galicia non pode construír un edificio propio se non ten a propiedade do chan. "E todo isto o Concello, lógicamente, sábeo", concluíu.