O PP lamenta o desinterese do goberno local por acadar un acordo para aprobar os orzamentos

Pontevedra
01 de decembro 2016

Os populares indican que o BNG marcara como límite de redución do imposto do lixo a cantidade de 400.000 euros, un dato que lles parece incoherente coa afirmación de Lores de que o custo de Sogama pode rebaixarse nun millón de euros en caso de que funcione o sistema de composteiros

O portavoz do PP, Jacobo Moreira, co concelleiro Rafael Domínguez
O portavoz do PP, Jacobo Moreira, co concelleiro Rafael Domínguez / PontevedraViva

O Partido Popular, a través do seu grupo municipal, mostrou a súa decepción ante o que entenden que foi falta de interese por parte do goberno local do BNG de chegar a un acordo para aprobar o orzamento municipal para o próximo ano 2017.

A formación de Jacobo Moreira sinala que eles quixeran pactar unha rebaixa dos impostos por unha cantidade de 1,6 millóns de euros, asegurando que na negociación podían chegar a acordar unha rebaixa dun millón de euros.

Con todo, o goberno de Fernández Lores apuntou que só podían aceptar unha redución de 400.000 euros na taxa do lixo. Despois das declaracións de Fernández Lores afirmando que se o plan de utilización de composteiros progresa pódese reducir nun millón de euros o pago a Sogama, os populares indican que existe marxe suficiente para baixar ese millón de euros en recadación. E pregúntanse onde van os 600.000 euros restantes que o goberno local aforraría e que "quere seguir cobrando aos pontevedreses"

Para Moreira, estas afirmacións do alcalde de Pontevedra mostran que o BNG non tiña previsto ceder na negociación e lamenta que as afirmacións de Fernández Lores marcasen un límite na redución da taxa do lixo por baixo do que realmente se podería asumir.