O PP lamenta o "deixamento do Goberno central" coa N-541 en Pedre tras un novo accidente

Cerdedo-Cotobade
07 de setembro 2023

O tamén deputado provincial do PP Jorge Cubela acudiu á zona acompañado pola deputada 'popular' Ana Pastor e por deputados e senadores do Partido Popular e todos reclamaron de maneira urxente ao Estado o arranxo inmediato da N-541

Visita de deputados e senadores do PP á zona do accidente na N-541
Visita de deputados e senadores do PP á zona do accidente na N-541 / PP de Pontevedra

O PP provincial súmase ás críticas realizadas nos últimos días polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, sobre a falta de actuacións do Goberno central na estrada N-541, na zona do tráxico accidente do autobús en Noiteboa, despois de que esta semana se producira un novo accidente.

O tamén deputado provincial do PP Jorge Cubela acudiu á zona acompañado pola deputada 'popular' Ana Pastor e por deputados e senadores do Partido Popular e todos lamentaron o "deixamento do Goberno central" e reclamaron de maneira urxente ao Estado o arranxo inmediato da N-541. 

O accidente desta semana, rexistrado o pasado martes, consistiu nunha saída de vía dun motorista á altura do lugar de Cernados, próximo á zona en que se producía a tráxica caída do autobús, e o PP sinala que foi "polo mal estado do firme".

Ana Pastor indicou que o Goberno central "debe centrarse en menos fotos na estrada afectada e ocuparse do que realmente importa", que é a seguridade desta vía, na que é necesario poñer de inmediato unha nova capa de rodadura para evitar os esvaramentos por culpa do mal estado do firme. 

Pastor considera "unha mágoa" que non se puxeran mans á obra nos meses de verán, cando polas condicións climatolóxicas é mellor levar a cabo as obras de mellora do firme para que puidera estar canto antes en adecuadas condicións para todos os cidadáns que a diario circulan por ela.

Máis de 5 meses despois da adxudicación do contrato de conservación e explotación en Carreteras del Estado en Pontevedra, na que estaba incluída a mellora da N-541, "nada se sabe desas obras”, sinalou Cubela, que reclamou atención inmediata para unhas actuacións que considera fundamentais.

Cubela reclamou unha vez máis ao Ministerio de Fomento unha mellora "urxente" na N-541 e sinalou: "estamos cansos, estamos fartos dos accidentes que está habendo"

Critica o estado da vía e que a súa adherencia "é nula", polo que precísase que se leven a cabo as actuacións na vía de maneira inmediata.

O PP anuncia que se dinamizará o Pacto de Pedre para esixirlle ao Goberno central que tome conciencia de actuar canto antes neste asunto. "Non imos quedar de brazos cruzados mentras cada día resulta unha lotaría usar esta vía de comunicación para unir as provincias de Pontevedra e Ourense", engade Cubela. 

Arquivado en