O PP garante melloras de saneamento e infraestruturas en Pontevedra para os próximos 3 anos

Pontevedra
27 de xaneiro 2024

A candidata pontevedresa do PP, María Martínez Allegue, defendeu unha serie de actuacións en materia de saneamento, depuración, estradas e infraestruturas para a cidade de Pontevedra a desenvolver nos próximos tres anos que contarán cun investimento de 66,4 millóns de euros

María Martínez visita as obras na vella estrada de Marín
María Martínez visita as obras na vella estrada de Marín / Partido Popular

A candidata pontevedresa do PP, María Martínez Allegue, visitou este sábado as obras de mellora e humanización da estrada vella de Marín acompañada pola secretaria xeral do PP, Luisa Piñeiro, o tamén candidato de Pontevedra, Guille Juncal e Manuel Santos, de Marín.

A número 3 da lista aproveitou para defender unha serie de actuacións en materia de saneamento, depuración, estradas e infraestruturas para a cidade de Pontevedra a desenvolver nos próximos tres anos que contarán cun investimento de 66,4 millóns de euros.

Entre as intervencións destaca a ampliación da EDAR de Praceres, que vén de rematar coa súa tramitación ambiental; a adecuación do bombeo en Cocheras, cuxo proxecto está en redacción; as sendas das estradas PO-223 e PO-224 en Xeve, que se atopan en execución coa previsión de finalización para mediados do presente ano; a mellora da estrada PO-546 nos treitos urbanos de Pontevedra e Estribela, que xa está rematada; a mellora da estrada PO-546 no treito urbano de Marín, que foi adxudicada o pasado mes de decembro e que vén de iniciar os seus traballos; ou a mellora da estrada PO-546 entre Mollabao e Praceres, que vaise licitar no primeiro trimestre do presente ano.

Ademáis, o Partido Popular defende que desde os seus postos de responsabilidade institucional se plantexa a creación dun aparcadoiro disuasorio en Lourizán; a modernización das marquesiñas e das paradas de autobús da cidade, cuxo proxecto entrará en fase de información pública no primeiro trimestre deste ano; a posta en valor da PO-264 en Ponte Sampaio, proxecto que acaba de ser aprobado; e a mellora da seguridade viaria na estrada PO-531 entre a PO-310 e a VG-4.8, cuxa fase de información pública se atopa na revisión das alegacións.