Os Orzamentos da Xunta para 2021 inician este luns a súa tramitación parlamentaria protagonizando o debate político en Galicia.
Así, o presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, destacou o "importante esforzo" do goberno de Alberto Núñez Feijóo, do que el é vicepresidente, para presentar uns orzamentos "extraordinarios para dar resposta a retos extraordinarios". Pola contra, o Partido Socialista reclama un "maior compromiso para Pontevedra" e reprocha "un reparto desigual en favor dos concellos amigos do PP".
Alfonso Rueda explicou que estes orzamentos "históricos" aumentan nesta provincia, para a que se destinan 3.246 millóns de euros, segundo dixo, 3.439 euros por habitante, 239 euros máis que en 2020.
"As contas amosan uns obxectivos moi claros, que son loitar contra a pandemia, reactivar a economía e atender as necesidades das familias, das pemes e dos autónomos", dixo este luns Rueda en comparecencia ante a prensa.
O presidente provincial do PP puxo en valor os 173 millóns de euros que se destinan para a provincia, 33 millóns máis que este ano. E en canto aos investimentos na cidade de Pontevedra, dixo que se reservan 45,2 millóns de euros, aumentando un 38% con respecto aos de 2020.
Pola súa banda, o presidente local do PP, Rafa Domínguez destacou os 13,50 millóns de euros para o movemento de terras e a cimentación do novo edificio do Hospital Montecelo, que será licitado nesta semana.
Para Domínguez este é un orzamento "excelente" e valorou que recolle o compromiso "firme" coa Variante de Alba para cando o Concello aporte un "trazado consensuado", o arranxo da estrada vella de Marín é a dragaxe do Lérez, "hai unha partida importante no orzamento para que esta obra sexa unha realidade nos próximos anos".
CRITICAS DO PARTIDO SOCIALISTA
A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamou un maior compromiso para Pontevedra nos Orzamentos da Xunta de 2021 e asegurou que nas contas "aparecen as mesmas partidas que levan aparecendo dende hai anos e anos" que sinalou coma "promesas incumpridas coa cidade", como as destinadas ao saneamento da ría, a residencia de maiores pública ou o investimento no pavillón de ximnasia da Parda.
Tamén lembrou que "existen partidas que xa existían e nunca se executaron", como a variante de Alba ou o dragado do río Lérez.
Finalmente, o PSOE esixiu "o arranxo do hospital provincial" para destinalo a uso sociosanitario, entre outros investimentos.