O PP faise eco de peticións veciñais e reclama á Xunta o arranxo da ponte medieval de Ponte Sampaio

Pontevedra
15 de xullo 2022

O portavoz do PP, Rafa Domínguez, visitou a ponte acompañada polo presidente da Asociación de Veciños Heroes de Pontesampaio 1809, Ramón Agulla, e o concelleiro 'popular' do rural, Martín Martínez. Tras a visita, cualificou que é "de xustiza" pedir á Xunta  "que poña en marcha un plan integral de humanización da ponte, tal e como demandan os veciños"

Ramón Agulla, Rafa Domínguez e Martín Martínez
Ramón Agulla, Rafa Domínguez e Martín Martínez / PP de Pontevedra

O PP de Pontevedra faise eco de de demandas veciñais que esixen a posta en valor e arranxo da ponte sobre o río Verdugo na parroquia de Ponte Sampaio.  Facendo súas as reclamacións, piden á Xunta de Galicia, titular da infraestrutura, que acometa melloras. 

O portavoz do PP, Rafa Domínguez, visitou a ponte acompañada polo presidente da Asociación de Veciños Heroes de Pontesampaio 1809, Ramón Agulla, e o concelleiro 'popular' do rural, Martín Martínez, para coñecer a situación da infraestrutura. 

Tras a visita, Domínguez cualificou que é "de xustiza" pedir á Xunta  "que poña en marcha un plan integral de humanización da ponte, tal e como demandan os veciños".

Así, faise eco das afirmacións desta asociación veciñal que sinalan que a ponte é "un símbolo tanto da parroquia, como da cidade e mesmo de Galicia".

Domínguez destaca que se trata do primeiro acceso ao municipio para os peregrinos que cada día pasan pola nosa cidade percorrendo o Camiño de Santiago, na súa variante portuguesa, e que é de vital importancia que unha edificación destas características, que significa tanto para a cidade, "sexa sometida a un labor de mellora e posta valor".