O PP faise eco das demandas dos funcionarios municipais e denuncia que "os desprezos son continuos"

Pontevedra
27 de xuño 2024

O PP de Pontevedra considera que a política de persoal do Concello de Pontevedra presenta deficiencias importantes como a ausencia dun Plan de Igualdade, de modo que anuncia unha moción. Critican que si esixen este tipo de documentos ás empresas privadas, pero "non o fan cos seus propios traballadores"

Reunión de Pepa Pardo e Rafa Domínguez con representantes sindicais de Pontevedra
Reunión de Pepa Pardo e Rafa Domínguez con representantes sindicais de Pontevedra / PP de Pontevedra

O PP de Pontevedra considera que a política de persoal do Concello de Pontevedra está cargada de "desprezos" e presenta deficiencias importantes como a ausencia dun Plan de Igualdade, de modo que anuncia a presentación dunha moción para o seu debate no próximo Pleno para reivindicar unha mellor actuación por parte do Goberno local neste campo. 

Así o afirmou este xoves a concelleira Pepa Pardo, tras manter unha reunión co seu xefe de filas, Rafa Domínguez e un grupo de representantes sindicais dos traballadores municipais de Pontevedra. "Vimos como os desprezos cara a eles son continuos", asegurou. 

Tras a reunión, Pardo indicou que "o que acabamos de comprobar é o que xa sabiamos e que non nos sorprende en absoluto, que non hai ningún tipo de capacidade negociadora por parte do Concello cos seus traballadores".

Pardo referiuse ao cambio de concelleiro neste departamento, pois no anterior mandato a responsable era Carmen Fouces e agora correspóndelle a Eva Vilaverde. Na súa opinión, "non hai un verdadeiro afán en crecer e en mellorar a política de persoal, esa que se dixo que se ía a mellorar ao facer o cambio de concelleiro".

Así sostén, en alusión a Eva Vilaverde, que "nin tan sequera ela é capaz de asumir esa responsabilidades, senón que as delega no director xeral de recursos humanos" e que o resultado é que "non se lles dá resposta ás necesidades esenciais que teñen".

En relación co  Plan de Igualdade do Concello de Pontevedra, critican que "non o sacaron adiante" e que si esixen este tipo de documentos ás empresas privadas, pero "non o fan cos seus propios traballadores".

Para o PP, é "necesario" que negocien ese plan e que "volvan á senda do respecto cara aos traballadores do Concello, que velen por que desempeñen os seus traballos nunhas condicións dignas".

Para a concelleira do PP, "só a partir de aí poderemos ter unha administración total e absolutamente eficaz e eficiente".