O PP esixe o Concello que "haga sus deberes" co colector do Gafos e o novo edificio xudicial

Pontevedra
16 de decembro 2014

Os populares insisten en que o atraso que acumulan o proxecto do novo colector para o río Gafos e o novo edificio xudicial da Parda son debidos á xestión do Concello de Pontevedra. Así o denunciaron este martes en rolda de prensa os concelleiros Ricardo Aguilar e María José Rodríguez Teso

Paseo do río dos Gafos
Paseo do río dos Gafos

Dous importantes investimentos da Xunta en Pontevedra están paralizados, segundo o Partido Popular, por culpa do goberno municipal. Os populares insisten en que o atraso que acumulan o proxecto do novo colector para o río Gafos e o novo edificio xudicial da Parda son debidos á xestión do Concello de Pontevedra. Así o denunciaron este martes en rolda de prensa os concelleiros Ricardo Aguilar e María José Rodríguez Teso.

Con respecto ao colector do Gafos, tralo acordo entre Xunta e Concello, o goberno municipal remitiu un proxecto o pasado mes de outubro. Segundo o PP, Medio Ambiente está a espera dunha serie de modificacións no mesmo, porque "presentaba errores técnicos", explicou Ricardo Aguilar. Principalmente para que cando chova as augas pluviais non se mesturen coas augas fecais, avanzou o edil popular.

O PP solicita "celeridad" al Concello para que estes problemas de saneamento poidan arranxarse o antes posible.

Ademais, María José Rodríguez Teso recordou que a Xunta segue agardando para obter a cesión dos terreos necesarios para a construción do novo edificio xudicial da Parda, que custará 20 millóns de euros. Recorda que, despois de cinco anos, "aún no se completaron los trámites necesarios para la cesión de los terrenos a la administración".

A pesar da "falta de compromiso" do goberno local, os populares insisten en que a Xunta de Galicia segue apostando polo Edificio Xudicial e nos orzamentos para o vindeiro ano 2015 consignou unha partida para a súa construción, aínda que avanzan que non comezará a obra ata que os terreos necesarios sexan da súa propiedade.

RESPOSTA DO GOBERNO MUNICIPAL

Desde o goberno municipal, o concelleiro responsable do Ciclo da Auga, Raimundo González, confirmou que o pasado 31 de outubro se lle remitiu á Xunta o proxecto do saneamento dos Gafostal e como quedara na última reunión de seguimento do convenio. Na actualidade o Concello está pendente introducir unha última corrección a este proxecto, solicitada pola empresa externa contratada pola Xunta para a supervisión do proxecto.

Segundo conclúe o propio informe da empresa externa, "dende o punto de vista documental é preciso enmendar e/ou ampliar certos anexos do presente proxecto", e nestes momentos só se está pendente de rematar a última das peticións do informe para volverllo a trasladar á Xunta, explicou o edil.

Sobre as declaracións do grupo municipal do Partido Popular, Raimundo González destacou que "volven a facer de recadeiros da Xunta, e o que menos lles preocupa é defender os intereses dos veciños de Pontevedra".