No pleno extraordinario que a Deputación de Pontevedra ten previsto celebrar este martes, o grupo provincial do Partido Popular vai esixir ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible que acometa de xeito urxente a mellora integral do firme e a adopción de medidas de seguridade viaria nos 317,5 quilómetros das 11 estradas nacionais que hai na provincia.
Os populares aseguran que estas estradas "presentan numerosas deficiencias e desperfectos, sobre todo no que se refire ao estado do firme con fochancas e fendas, como consecuencia das escasas ou nulas labores de mantemento e conservación realizadas nos últimos cinco anos" e agardan ter o respaldo dos demais grupos políticos para trasladar esta demanda por unanimidade.
Estas vías de titularidade estatal son fundamentais para a vertebración e a mobilidade do territorio provincial, posto que son empregadas diariamente por entre 110.365 e 123.496 usuarios, segundo os datos oficiais de Intensidade Media Diaria (IMD) do propio Ministerio de Transportes.
A deputada provincial de Infraestruturas, Isabel Couselo, explicou que esta proposta "é máis que xusta e necesaria e xurde do propósito do PP Provincial de defender ao noso territorio e esixir as melloras que nos corresponden e, sen dúbida, o mal estado das nacionais é unha das principais preocupacións das deceas de milleiros de usuarios que as empregan cada día".
"Invístese tres veces máis nesta materia en Cataluña malia ter unha rede estatal máis cativa ca galega, e o Goberno de España aínda ten proxectadas ou en marcha certas actuacións nas provincias de Lugo e A Coruña, pero a nosa provincia tena completamente de lado e iso afecta gravemente á seguridade viaria", dmanifestou a deputada.
Finalmente, a deputada popular lamentou "que o Goberno de España se agoche detrás dunha insuficiente mellora da N-541 que se centra basicamente en Forcarei e da que non sabemos data, e dun contrato de mantemento plurianual de 112 millóns para cinco comunidades autónomas que non responde ás necesidades que teñen as estradas nacionais da provincia" e apostillou que os organismos automobilísticos independentes, como RACE ou AEA, recollen unha ducia de puntos negros na provincia, dos que dez pertencen á rede estatal e seis deles sitúanse nestas estradas nacionais.