Dez millóns de euros nun plan específico de axudas para autónomos e pequenas empresas da provincia, é a esixencia que lanza o grupo popular da Deputación ao goberno de Carmela Silva. O líder da oposición, Jorge Cubela, acompañado dos deputados Luís López e Carmen Amoedo, criticou que desde o mes de xuño "a Deputación está desaparecida" e fixo súas as peticións de alcaldes de toda a provincia que demandan axudas para rescatar ás empresas.
Alertou Cubela de que moitos autónomos necesitan axuda para poder seguir facendo fronte aos gastos correntes e remarca que en Galicia só a Xunta aprobou axudas específicas para paliar a crise que están a sufrir derivada das restricións impostas para conter a expansión da covid-19.
"Todas as admisnitracións teñen que arrimar o hombreiro e moito máis a Deputación, que ten un orzamento moi superior ao de moitos concellos", denunciou o rexedor de Cerdedo-Cotobade, quen pediu que as subvencións deben ser "o reflexo das aprobadas pola Xunta, que sacou unha liña para hosteleiros e outra para os demais autónomos".
Nesta mesma idea abundou o alcalde de Rodeiro, Luís López, quen lamentou que todas as Deputaciones de Galicia aprobaron xa subvencións para o seu tecido empresarial menos a de Pontevedra, á que animou a seguir o exemplo de Coruña que entregou fondos adicionais a municipios de menos de 50.000 habitantes que logo se encargarán de distribuír entre as empresas dos seus territorios.
Os populares fixeron tamén referencia ao orzamento anunciado este mércores polo goberno provincial para denunciar que "o PP aínda non tivo acceso a ese documento o que demostra a falta de transparencia da Deputación", denunciou a concelleira redondelana Carmen Amoedo.
Rematou Cubela cunha suxerencia para o executivo que encabeza Carmela Silva dicíndolle que "poden sacar eses 10 millóns do remanente ou dos 5 millóns que usan en publicidade e propaganda".