O PP escolle Cotobade para iniciar a precampaña, coa presenza de Rajoy e Feijóo

Cerdedo-Cotobade
20 de agosto 2016

A provincia de Pontevedra acollerá un ano máis o inicio do curso político do Partido Popular, que se celebrará o próximo sábado 27 de agosto na Carballeira de San Xusto, na parroquia de San Xurxo de Sacos en Cotobade

Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo
Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo / Mónica Patxot
Alfonso Rueda confirma que o acto de precampaña do PP será en Cotobade /

A provincia de Pontevedra acolle tamén este ano o inicio do curso político do Partido Popular. Nesta ocasión non será no castelo de Soutomaior como viña sucedendo en anteriores citas. A Deputación, gobernada pola socialista Carmela Silva, rexeitou a petición dos populares alegando publicamente que non están permitidos actos partidistas nesas instalacións.

Desta forma, o PP decidiu trasladar o evento que se celebrará o vindeiro sábado 27 de agosto ao Concello de Cotobade, que precisamente se atopa en proceso de fusión co de Cerdedo, en concreto á Carballeira de San Xusto situada na parroquia de San Xurxo de Sacos. Ao acto asistirá o presidente do PP e do goberno en funcións, Mariano Rajoy ao que acompañará o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, candidato á reelección como máximo representante da Xunta de Galicia.

Os populares esperan que asistan máis dun milleiro de persoas a este acto. O presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, indicou que se trata do punto de saída dunha precampaña electoral intensa e que intercalará actos multitudinarios con outros de formato máis pequeno.

No acto de Cotobade tamén intervirá Alfonso Rueda e o presidente local do partido e alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, ademais de Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy, encargado de la clausura.

Os populares critican a nula resposta dada pola Deputación de Pontevedra á súa solicitude para utilizar a contorna do Castelo de Soutomaior para esta cita política, segundo apuntan dende a formación. Sinalan que presentaron un recurso de reposición, que non recibiu resposta. E denuncian que esta decisión baséase nas opinións persoais, non en criterios obxectivos.

Arquivado en