O PP emenda os orzamentos da Deputación por estar elaborados "de costas aos concellos"

Pontevedra
26 de decembro 2017

O voceiro do PP, Ángel Moldes, asegurou que a porcentaxe de execución orzamentaria non supera o 40% nun presuposto de 152 millóns de euros

Ángel Moldes, portavoz do grupo provincial do Partido Popular
Ángel Moldes, portavoz do grupo provincial do Partido Popular / Mónica Patxot

O grupo do Partido Popular na Deputación de Pontevedra solicita a retirada dos orzamentos do goberno provincial ao considerar que se trata dun documento "elaborado ás présas, improvisado e sen planificación, elaborado de costas aos concellos, aos sindicatos e aos grupos da oposición e que só contempla partidas xenéricas sen ningunha iniciativa concreta".

Así o explicou o voceiro do PP na Deputación, Ángel Moldes, que considera que orzamentos do bipartito se afastan cada vez máis da realidade dos concellos da provincia.

Como exemplo, explicou que no 2017 houbo moitas convocatorias de axudas a concellos que resultaron un fracaso e citou o Plan Revitaliza, "no que só participaron 5 dos 61 concellos da provincia", ou o plan de parques forestais para o que "só 10 dos 61 concellos solicitaron axudas" e mesmo o plan de proxectos singulares "que deixou sen repartir 3 millóns de euros".

Moldes explicou ademais que o gasto de persoal incrementou 4,3 millóns de euros con respecto ao último orzamento aprobado polo goberno do PP e o gasto corrente subiu 3 millóns de euros mentres que os investimentos reais pasaron de 18,4 millóns de euros no 2015 a 10 millóns no 2018. "E o que é máis grave se cabe, presentan un presuposto onde non se concreta cal vai ser o destino de 100 millóns de euros, pois só aparecen partidas xenéricas", dixo.

A maior proba da indefinición do presuposto está, a criterio dos populares, na porcentaxe de execución orzamentaria un 40% dun presuposto de 152 millóns de euros.

De aí que no caso de que non se atenda a solicitude de enmeda á totalidade, o grupo popular presentará 20 propostas para a súa inclusión no orzamento de 2018 despois dunha rolda de visitas que os deputados do PP realizaron por todas as comarcas.

A primeira é que tería que ser obrigatorio que a presidenta visitara todas as comarcas e todos os concellos da provincia para falar cos alcaldes, tamén solicitan a redución de partidas de gasto corrente "e as de propaganda, publicidade e patrocinios que ascenden en todo o orzamento 2018 a máis de 4 millóns de euros".

Moldes explicou ademais que deberían eliminar as partidas "destinadas á privatización do mantemento de estradas provinciais", e anunciou que o PP pedirá o aumento dos investimentos nos concellos de 42 a 60 millóns de euros e a creación dunha liña de axudas específica para os concellos afectados pola vaga de incendios e unha partida específica para emprego por un importe de 10 millóns de euros destinado a parados de longa duración.

Ademais, sinala que na atención de sectores produtivos da provincia débese incluír o aumento do orzamento da Finca de Mouriscade e teñen que incluír unha partida para a elaboración dun plan de conservación e substitución de tapetes de campos de herba sintéctica ou o apoio a colectivos veciñais e sociais.

Reclaman a inclusión de dotación económica para ampliar e mellorar os servizos que se prestan na delegación da Deputación en Vigo e solicitan ademais que se manteñan as partidas "que permitan que a Cidade Infantil Príncipe Felipe siga prestando todos os servizos como ata o de agora".

Finalmente os populares cren ademais que se debe aumentar o orzamento do museo provincial, que debe haber partidas concretas para a posta en marcha da promoción do turismo mentres se deberían reducir as partidas destinadas a compostaxe.

Con respecto a esta última medida, Moldes aclarou que "o PP non está en contra da compostaxe, estamos en contra da estratexia que se seguiu na provincia, porque non están claros os resultados a pesar de todos os millóns de euros que se están investindo".