O grupo municipal do PP en Pontevedra denuncia o que considera un emprego "abusivo" dos denominados contratos negociados sen publicidade por parte do Concello capitalino. Segundo os datos que manexan os 'populares', no ano 2014, o goberno local asinou 26 contratos con empresas privadas por un valor de máis de tres millóns de euros sen levar a cabo unha concorrencia pública.
O PP denuncia que o Concello "xa ten por habitual" este tipo de prácticas e o concelleiro César Abal fai referencia a un informe emitido polo secretario do Pleno a petición dos 'populares' no que se determina que non é aconsellable empregar esta fórmula reiteradamente.
En opinión de César Abal, "un bo exercicio de transparencia levaría consigo o emprego do concurso público para aqueles contratos cuxa cuantía económica se aproxime ao límite establecido".
O concelleiro do PP denuncia, por outra parte, que o seu grupo segue a atopar obstáculos no seu acceso á información no Concello de Pontevedra. Como exemplo, indica que no mes de outubro solicitou por escrito información sobre os contratos de obras menores (ata 50.000 euros máis IVE), pero aínda non recibiron os datos, senón que só tiveron un escrito asinado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, no que lles di que carece da información. Abal cre que e resposta ten o "único propósito de dilatar este asunto no tempo".
"Visto que este goberno tan só atende as peticións de información cando se leva a cabo unha denuncia pública sobre a súa falta de transparencia, confiamos en que agora o goberno de Lores nos permita por fin acceder á documentación solicitada sobre os DOCCM e poder así desenvolver a nosa función fiscalizadora con normalidade", sentenciou.