O PP denuncia que a concesionaria do mantemento de xardíns leva unha semana traballando sen contrato

Pontevedra
07 de marzo 2014

César Abal valora que "el proceso administrativo que rodea a este servicio sigue apartándose cada día más de la normalidad o, para ser precisos, de la legalidad" e Anxos Riveiro recoñece que ese contrato finalizou e a empresa segue traballando, pero negou que se trate dunha irregularidade: "temos unha prórroga tácita, que é algo que está recollido na lexislación"

César Abal, concelleiro do PP en Pontevedra
César Abal, concelleiro do PP en Pontevedra / PontevedraViva

A empresa Elsamex, concesionaria dos traballos de mantemento e conservación de xardíns en Pontevedra, leva unha semana traballando sen contrato, dende que o 28 de febreiro venceu a súa relación contractual co Concello. Así o denunciou este venres o concelleiro do PP César Abal, que esixe "unas declaraciones serias" por parte do Goberno local para explicar a situación.

César Abal denuncia que o Concello subscribiu un contrato con Elsamex o 1 de febreiro de 2006 para prestar o servizo durante catro anos prorrogables dous máis, ata un máximo de seis. En 2010 renovouse e en 2012, cando se cumpría ese máximo de seis anos de contrato, volveu prorrogarse durante un ano máis a pesar de que, segundo sostén o edil 'popular', había informes contrarios por parte da Secretaría e a Intervención municipais.

Esa primeira prórroga que o PP denuncia como "irregular" tivo unha reedición ao ano seguinte e en febreiro de 2013 volveu repetirse por un ano máis cos mesmos reparos do secretario e o interventor municipais. O pasado 28 de febreiro ese contrato volveu rematar e, nesta ocasión, non se ampliou, senón que, simplemente, a empresa segue traballando sen ter ningún documento subscrito co Concello.

O PP valora que "el proceso administrativo que rodea a este servicio sigue apartándose cada día más de la normalidad o, para ser precisos, de la legalidad", pero estas duras críticas xa tiveron unha resposta por parte do Goberno local. A edil Anxos Riveiro compareceu publicamente tras coñecerse a denuncia dos 'populares' e recoñeceu que ese contrato finalizou e a empresa segue traballando, pero negou que se trate dunha irregularidade: "temos unha prórroga tácita, que é algo que está recollido na lexislación".

Anxos Riveiro: "temos unha prórroga tácita, que é algo que está recollido na lexislación"

Segundo explicou a edil nacionalista, o Goberno local está a traballar na redacción dun novo contrato que está a ter certas dificultades, pero "agardo que poidamos telo para sacar a licitación". Asegurou que "non podo dar prazos", pero "que se está a elaborar o novo contrato é certo" e "agardo que estea no menor tempo posible".

"O que teñen que saber os cidadáns é que para nós o prioritario é que os xardíns continúen no mellor estado posible", indicou e asegurou que, como Administración, "non podemos facer nada irregular nin ilegal como remata de dicir o PP". Insiste en que "a prórroga tácita está recollida na lexislación" e se mostrou crítica coa denuncia pública do PP, non pola crítica en si, senón porque é reiterativa. "Estas declaracións do PP son un espacie de deja vú, parece como a rúa Benito Corbal, unha obsesión enfermiza", engadiu.

Esta legalidade que defende Anxos Riveiro choca coas afirmacións e César Abal, que se refire aos "contundentes informes contrarios" emitidos por Secretaría e Intervención sobre as prórrogas do contrato de 2012 e 2013 e a que o contrato rematou o 28 de febreiro "sin posibilidad de prórroga", segundo especificaba expresamente a resolución adoptada hai trece meses pola Xunta de Goberno local.

César Abal: "Lores parece paralizado en este asunto, como si se sintiese acorralado o asustado"

En opinión de César Abal, "otra prórroga ilegal a la misma compañía después de las numerosas denuncias y peticiones de explicaciones por parte del PP, resultaría muy llamativa y arriesgada en este contexto de sospechas generalizadas que estamos viviendo y que envuelve a muchas administraciones locales en Galicia".

Ademais, o edil 'popular' valora que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "parece paralizado en este asunto, como si se sintiese acorralado o asustado" polas críticas do PP e cuestiona que se opte de forma sistemática por prorrogar contratos "basándose en el interés general" e, cando a oposición lle pide explicacións,"sale por peteneras" e "nos ataca. Cualquier crítica el Gobierno la entiende como un ataque".

Arquivado en