O PP denuncia a pasividade do goberno de Poio para instalar a depuradora

Poio
23 de marzo 2016

Ángel Moldes, portavoz popular, afirma que esta situación provoca que máis bateas e máis praias se atopen en zona C, ademais de pecharse máis zonas de baño

Campaña do PP de Poio para reclamar a depuradora
Campaña do PP de Poio para reclamar a depuradora / Partido Popular de Poio

Ángel Moldes, portavoz do Partido Popular de Poio, denuncia a pasividade que está a mostrar o grupo de goberno en relación coa localización da Estación depuradora (EDAR). Segundo expón o dirixente popular non se fixo nada desde o goberno local e o único que se consegue é que máis bateas e máis praias se atopen en zona C, ademais de pecharse máis zonas de baño, coa desaparición do marisqueo e do turismo de Poio.

Moldes asegura que o Concello ten as competencias de depuración e urbanismo. E neste sentido, afirma que a obrigación de propoñer unha localización corresponde aos dirixentes locais para resolver unha situación que leva enquistada desde hai 20 anos.

O Partido Popular está a levar a cabo unha campaña con recollida de sinaturas reclamando a instalación da depuradora. "É un paso máis para visibilizar a situación do mar de Poio e facer ver aos veciños que o problema segue aí, aínda que o Concello non queira falar del", indica o líder da oposición.

Moldes insiste en que Poio é o único Concello de máis de 10.000 habitantes sen EDAR propia e as parroquias de Raxó e Samieira con 2.500 habitantes desvían as súas augas fecais directamente ao mar, sen depuración previa.