O PP denuncia a adxudicación irregular da xestión do IBI por parte do Concello de Pontevedra

Pontevedra
19 de maio 2021

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do PP, sinala que a empresa que no concurso quedou primeira foi desestimada por unha baixa temeraria de 99 céntimos nun contrato de 200.000 euros. Esta empresa denunciou o caso e suma dúas sentenzas favorables mentres o Concello presentou recurso ante o Tribunal Supremo

Rafa Domínguez
Rafa Domínguez / Mónica Patxot

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do Partido Popular, analizaba este mércores dúas sentenzas desfavorables ao Concello de Pontevedra relacionadas coa adxudicación do contrato para a xestión do IBI.

Segundo sinalaba o representante popular, a empresa Eibisa Norte SL presentouse ao concurso para este servizo sendo a que máis puntuación obtiña no primeiro cribado realizado polo Concello pontevedrés, pero finalmente decidiuse desestimar a súa candidatura por unha baixa temeraria de 99 céntimos para un contrato de 200.000 euros.

Para Domínguez esta decisión é "absolutamente ilóxica" ao entender que por unha diferenza dun euro non se pode considerar que o prezo proposto era demasiado baixo. "Expulsar unha empresa, cun contrato de máis de 200.000 euros, por unha baixa temeraria, por unha diferenza de 0,99 euros, é unha tomadura de pelo aos pontevedreses, aos contratos públicos e aos procesos de selección", indica o presidente local do PP.

A partir desa decisión, a empresa iniciou unha reclamación xudicial chegando aos tribunais de Contas e ao Superior de Xustiza de Galicia. Ambos sentenciaron a favor da empresa. O Concello mantén a súa postura e presentou un recurso ante o Tribunal Supremo. Unha decisión que, segundo o PP, faise en contra de "calquera criterio, incluso o do servizo xurídico do Concello".

Para Rafa Domínguez esta decisión supoñerá un enorme gasto debido ás costas e intereses e pode alcanzar os 300.000 euros de indemnización, segundo os cálculos do Partido Popular.

Durante o proceso, o Concello de Pontevedra outorgou a concesión do servizo á segunda empresa con máis valoración no concurso, Laya, que segundo os populares "é unha empresa intachable ata o que nós coñecemos". 

Domínguez entende que o goberno local está "a tirar o diñeiro dos pontevedreses" e insiste en que se trata de "un escándalo máis que vaille a custar a todos os pontevedreses ao redor de 300.000 euros".

COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN

O martes a concelleira Carme da Silva sinalaba o rexeitamento que se produciría no pleno á moción popular solicitando unha comisión de investigación sobre os contratos do Concello e Rafa Domínguez lamentaba este mércores o "conchabeo entre o BNG e o PSOE" e afirma que "di pouco que non queiran facer unha comisión".

Neste sentido avanzou que os populares terán que tomar medidas e "valorar de forma profunda e consciente. Haberá que acudir aos xulgados", apuntou o portavoz do grupo do PP no Concello.

RESPOSTA MUNICIPAL

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González saíu ao paso da denuncia do Partido Popular para xustificar que este contrato de adxudicación foi aprobado por unanimidade na mesa de contratación na que estaban presentes a interventora, o asesor xurídico, o xefe do servizo de contratación, o xefe da unidade xestora que fai a tramitación xunto ao presidente e os vogais dos distintos partidos políticos con representación municipal que asistiron a esa reunión.

Segundo incidiu o concelleiro, eses son os técnicos que "fiscalizan" a xestión municipal e "o deber dos responsables políticos é velar porque esta proposta vaia ata o seu último termo", defendeu González Carballo.

Ademais, segundo o concelleiro nacionalista, o portavoz do Partido Popular Rafa Domínguez era o presidente da Comisión de Contas nesa época polo que "lévao alí se había algún problema", comentou.

"Ao portavoz del Partido Popular lle faltan catro fervores", afirmou Raimundo González.

Ao respecto da decisión da mesa de contratación de expulsar unha empresa, cun contrato de máis de 200.000 euros, por unha baixa temeraria, por unha diferenza de 0,99 euros, Raimundo González xustificou que "tecnicamente é así" e puxo como exemplo que "por baixo da ponte de Eduardo Pondal hai un límite, se pasas dous milímetros xa non cabe o coche".

En canto a que os tribunais deron a razón á empresa fronte á administración local o concelleiro de Facenda valorou que "no Concello non son infalibles" pero insistiu "que o Concello tente defender a súa posición sempre foi así".

Raimundo González insistiu en que "poñer en dúbida aos técnicos municipais porque a ti fáltache un padrenuestro paréceme gravísimo" reiterando que esta adxudicación "é un proceso regrado no que non cabe discrecionalidade política e por tanto, tentar meter nese saco aos funcionarios municipais paréceme gravísimo, por tanto ou ten moita mala fe ou lle falta un fervor".