O PP de Soutomaior critica a inacción do goberno local

Soutomaior
09 de agosto 2024

O Partido Popular de Soutomaior expresou a súa indignación ante o último comunicado do goberno local do BNG, no que presumen de ter alcanzado unha tesourería superior aos dous millóns de euros

Acceso a Cortellas, en Soutomaior
Acceso a Cortellas, en Soutomaior / Concello de Soutomaior - Arquivo

O Partido Popular de Soutomaior expresou a súa indignación ante o último comunicado do goberno local do BNG, no que presumen de ter alcanzado unha tesourería superior aos dous millóns de euros.

Segundo a portavoz popular, Noelia Ocampo, este incremento nas contas municipais débese á falta de investimento en obras públicas e aos servizos deficientes que o goberno proporcionou aos veciños.

Ocampo lamenta que, mentres o goberno local acumula fondos, os veciños de Soutomaior tiveron que vivir "entre lixo", sinalando que, durante case un ano, o concello foi "o máis sucio da comarca".

A portavoz tamén destaca que os residentes de Cortellas levan case un ano coa estrada de acceso intransitable, unha situación que, segundo ela, demostra a falta de atención ás necesidades reais da comunidade.

A representante do PP conclúe criticando a xestión do goberno do alcalde Manu Lourenzo, asegurando que estes fondos estarían mellor empregados en solucionar os problemas que afectan directamente aos veciños, en lugar de usalos para "presumir da súa xestión económica".