O PP de Pontevedra tilda de "vergoñenta" chamada do PSOE a unha "rebelión" contra a Deputación

Pontevedra
12 de setembro 2024

O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, saiu ao paso da proposta do grupo provincial do PSdeG-PSOE que instou á Deputación de Pontevedra a que "con urxencia" active "un plan extraordinario e ambicioso" que dote con recursos os concellos  

Jorge Cubela nun Pleno da Deputación de Pontevedra
Jorge Cubela nun Pleno da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O voceiro do grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, lamentou a "vergoñenta actitude" do PSOE provincial "instando aos seus alcaldes e portavoces cunha rebelión contra a Deputación de Pontevedra".

Cubela saiu ao paso da proposta do grupo provincial do PSdeG-PSOE que instou á Deputación de Pontevedra a que "con urxencia" active "un plan extraordinario e ambicioso" que dote con recursos os concellos. "Isto non vai de cores políticas, isto vai de concellos, tamén os do PP", advertiu onte o secretario provincial socialista David Regades apelando directamente aos deputados populares "que saben que temos razón".

Cubela indicou que este chamamento é algo "completamente intolerable" e animounos a "que asuman xa dunha vez por todas que a Deputación está presidida polo Partido Popular".

"Despois de 1 ano, xa é hora que como adultos que son, deixen a un lado as carrapetas e pataletas, e deixen traballar á corporación provincial, despois de ter estado baixo o sectarismo socialista que tanto afectou aos concellos da provincia", dixo o voceiro do PP.

Por último, o voceiro do PP dixo que "o compromiso municipalista deste goberno está fóra de toda dúbida, e isto é recoñecido por alcaldes e alcaldesas de todas as cores políticas en público e en privado. Investimos máis que nunca nos concellos", destacou Jorge Cubela.