O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Poio, Ángel Moldes, presentou este venres o seu proxecto para humanizar todo o núcleo de San Salvador, que inclúe A Barca, Ferreiros, Andurique, Porteliña, avenida Sineiro e Encoirados.
Ángel Moldes incidiu que con esta actuación "sensible e consensuada" o PP quere "darlle protagonismo ás persoas e eliminar as barreiras arquitectónicas" ofrecendo seguridade aos peóns "pero sen esquecernos dos comercios, dos negocios e dos veciños que viven na contorna".
E para iso o proxecto inclúe pasos de peóns elevados, mellora da iluminación, reposición de mobiliario e un "incremento dun 20% das prazas de estacionamento" ao tempo que "garante o dobre sentido na avenida da Barca e na propia Ponte, para que haxa unha convivencia entre peóns e vehículos".
Moldes explica que buscará financiamento para este proxecto a través do Plan de acción contra a contaminación acústica da Xunta de Galicia.