O candidato do Partido Popular de Poio á alcaldía, Ángel Moldes, reuniu este luns a entidades e clubs deportivos locais para presentarlles o seu proxecto para crear un complexo lúdico e deportivo na Seca, que aglutine o ximnasio, o pavillón e a piscina "que os deportistas e os veciños de Poio precisan".
Moldes destacou que é un proxecto "moi traballado e consensuado" e que aglutina todas as instalacións deportivas no centro do concello.
"Os que levan gobernando 25 anos non fixeron nada ata o de agora, polo que resulta moi pouco crible que o vaian facer nos próximos catros", sinalou Moldes.
Ademais, o candidato do PP explicou que é un "proxecto totalmente realista, e cento por cen executable no próximo mandato". Así, primeiro habería que aprobar o proxecto e adaptar urbanisticamente a zona. O segundo paso, dixo Moldes, sería a dotación económica, para o que intentaría involucrar a todas as administracións.
O proxecto está preparado para construílo por fases, polo que é máis fácil para poder recibir investimentos e anualidades. Na primeira acometeríase o pavillón e a continuación remodelaríase o ximnasio e construiríase a piscina.
Por último, Moldes engadiu que ademais do complexo, a zona completarase cun parque infantil.