O PP de Poio pide unha solución para os problemas de subministración de auga en Samieira

Poio
21 de febreiro 2022

Os populares piden que se arranxen os problemas de falta de servizo ou presión insuficiente nas vivendas da parte alta de Arén e outros lugares de Samieira, o que obriga ás familias a facer pozos de barrena ou conectarse a traídas particulares para poder ter auga na casa

Rocío Cochón, concelleira do PP de Poio, visita Samieira
Rocío Cochón, concelleira do PP de Poio, visita Samieira / PP de Poio

O Partido Popular de Poio defenderá no pleno do próximo martes unha moción para solucionar os graves problemas coa auga en Arén e outros lugares de Samieira, no que supón un novo paso na súa campaña para intentar que dotar de servizos servizos básicos de calidade aos centos de familias de familias de Poio que carecen deles.

Neste caso, os populares pedirán o apoio do resto dos grupos para instar ao goberno local a garantir un subministro de auga axeitado e solucionar os problemas de falta de servizo ou presión insuficiente nas vivendas de distintas zonas da parroquia. "Moitos veciños de distintos núcleos non teñen subministro, e noutros casos a traída non ten a presión necesaria, o que obrigou as familias a facer pozos de barrena, a conectarse a traídas particulares para ter auga na casa", explicou a concelleira Rocío Cochón.

A popular destacou que a construción do pozo de Pomar, hai case 15 anos, foi a última actuación relavante na zona por parte do goberno local de Poio, “e comprobouse que non foi dabondo para solucionar os problemas co servizo. Hoxe en día, decenas de familias da parroquia carecen de servizos básicos de calidade".

O texto da moción recorda que a auga potable limpa e o saneamento son “esenciais para unha vida digna”, e que a súa prestación está recollida na lei como unha competencia propia dos concellos, “unha competencia que en moitos casos o Concello de Poio non está cumprindo desde hai case 27 anos”. Segundo información do propio Concello, en Poio hai máis de 2.000 veciños sen acceso ás redes de saneamento ou de auga corrente, “unha situación indigna de 2022”.

Os populares dan continuidade así a campaña para intentar que os servizos básicos de calidade cheguen aos centos de familias de Poio que carecen deles, despois de que as últimas iniciativas, como a moción para repoñer as tubaxes deterioradas e reparar as constantes roturas foi rexeitada por BNG, PSOE e Avante Poio.

“Lamentablemente, o tripartito é completamente incapaz de dar servizos básicos nin solucionar os problemas do día a día dos veciños de Poio”, critican desde o PP, onde advirten que “se houbese un goberno serio, con ilusión ou capacidade de xestión, xa estaría aprobado un novo contrato da auga, que pode ser o instrumento para mellorar o servizo”.