O grupo municipal do PP de Poio presentou esta semana unha moción para combater o "feísmo" que, denuncia, está a caracterizar moitas das actuacións municipais no casco histórico de Combarro.
Neste sentido, os populares piden ao tripartito que, aproveitando o 50 aniversario da declaración nacional de conxunto histórico artístico, se comprometa a que as súas actuacións no casco histórico se farán "con respecto ao valor histórico-artístico da vila e de xeito integrado co patrimonio".
Tucho Muíños, como concelleiro do PP e veciño de Combarro, explica na iniciativa que o 30 de novembro se cumpren 50 anos desta declaración, á que contribuíron os combarreses que "xeración tras xeración" construíndo para vivir un entorno humano único ata convertelo nun lugar icónico e no principal destino excursionista de Galicia.
Lamentablemente, prosegue, hai un conxunto de actuacións municipais ou supervisadas polo goberno local que non cumpren criterios estéticos ou de integración cos valores artísticos e culturais protexidos.
Muíños acompaña a moción de máis dunha decena de fotografías con exemplos de elementos de competencia municipal, como cables colgando na fachada marítima que supoñen ademais un problema de seguridade; cadros de luces sen ningún tipo de integración na contorna; ou canos que saen máis dun metro na superficie do mar por entre as pallozas, entre outros. "É unha cuestión de seguridade pero tamén de imaxe", sinala.
O popular puxo tamén como exemplo a proliferación de caixas de distribución de plástico para as instalacións de fibra óptica nos últimos meses, que xeran un impacto visual "cando o lóxico sería apostar por disimulalas e esixir unha integración coa estética de Combarro".
Por ese motivo, Muíños pide "corrixir a situación de forma inmediata, traballando por eliminar os elementos máis fóra de lugar, integralos de forma harmoniosa co casco histórico de Combarro" e, de agora en diante, impulsar a integración coa contorna e o respecto ao lugar.
"Desta maneira, máis aló da conmemoración do 50 aniversario da declaración nacional do conxunto histórico-artístico, contribuiremos a protexer, aumentar e potenciar o valor inestimable de Combarro e garantir que se siga recoñecendo por moitos séculos máis", conclúe o concelleiro do PP.