O PP de Poio recolleu este venres as denuncias de veciños e comerciantes da Seara, "que nos últimos días sufriron cinco roturas de tuberías en apenas 400 metros", na rede de abastecemento de auga "con cortes de subministro de ata dez horas ao día o sábado e o domingo".
A concelleira Rocío Cochón fíxose eco do malestar destes usuarios, recordando que as vivendas e negocios desa zona "levan anos sufrindo cortes e avarías permanentemente", e lamentou que "os problemas da auga e o saneamento en Poio non son casos puntuais nunha parroquia ou un día. Hai un problema constante e en todo Poio que non se soluciona vendendo fume".
Cochón destacou que só nas últimas dúas semanas houbo protestas polos cortes de auga na Caeira e outros lugares de San Salvador e San Xoán, así como falta de presión e avarías, e tamén referiuse ao malestar en zonas como Liñares ou Vilariño, onde os veciños non teñen conexión á rede de auga e saneamento nas súas casas.
A popular, ademais, considerou "lamentable" a resposta do Goberno local ante estas denuncias veciñais, "xa que os concelleiros responsables, do PSOE, saíron á prensa a vender fume e botar balóns fóra".
"Isto demostra que por riba de ser incapaces de xestionar, tamén son incapaces de asumir as súas responsabilidades", afirmou Cochón, que recordou que a auga e o saneamento son competencias municipais.
Finalmente o PP reclamou que o Concello se poña a traballar no novo contrato da auga, xa que o actual leva prorrogado desde 2017 e o novo contrato "debe traer unha solución aos graves problemas de servizos básicos en Poio".