O Partido Popular de Poio expresou a súa disconformidade pola falta dun servizo nocturno de Policía Local durante as Festas de San Xoán que remataron o pasado domingo.
A concelleira Rocío Cochón afirmou que "nestes máis de 50 anos non se lembran unhas festas patronais sen servizo nocturno da Policía Local, cando máis xente e vehículos houbo".
Cochón destacou que estas foron as primeiras festas de San Xoán sen restricións desde antes da pandemia, "e notouse, con miles de persoas nas actuacións musicais ata ben entrada a madrugada, cun gran aumento do tráfico... e sen efectivos de Policía Local”.
A concelleira do PP agradeceu a labor dos voluntarios de Protección Civil, os traballadores do concello e a colaboración da Garda Civil, así como o traballo dos axentes municipais despregados durante o día, pero criticou que non se entenden os motivos polos que o Concello non deu ese servizo para regular o tráfico, controlar a seguridade no campo da festa... e subliñou tamén que o prego de condicións para a tirada de fogos para rematar a festa esixía que fose supervisada pola Policía Local, algo que unido aos prazos, levou aos populares a preguntar tamén polos "verdadeiros motivos" da cancelación dos fogos artificiais do domingo 26.
RESPOSTA MUNICIPAL
A concelleira de seguridade cidadá, Marga Caldas, explicou que "por excepcionalidade, nestes momentos hai cinco persoas de baixa no persoal da Policía Local, o que provoca que o resto de axentes teña que dobrar as quendas durante o día".
Algunhas das baixas son de maternidade, outras son baixas médicas de longa duración e hai unha baixa de mobilidade dunha persoa que pediu un traslado a Santiago de Compostela. Ante esta situación, a concelleira nacionalista adiantou que desde o concello de Poio "imos quitar agora tres novas prazas, iso leva un trámite de espera e o persoal sábeo. Esperamos que pronto poñamos ter altas e se poida reforzar o servizo".
Mentres tanto xa se incorporaron os 7 axentes auxiliares que reforzan durante o verán ao corpo de seguridade municipal.
Marga Caldas negou que houbese outra xustificación para a ausencia de axentes municipais durante as noites das festas patronais "ningún conflito entre a Policía e o Concello".
Ademais, engadiu que "desde a concellería de Festexos estableceuse un operativo de seguridade que estivo coordinado coa Garda Civil e non nos consta que se producise ningunha incidencia".