O PP de Poio cargou tintas este venres contra o goberno local ao acusalo de organizar reunións cos veciños do municipio "nas que se ataca a empresas e se piden boicots e enfrontamentos con veciños e asociacións de Poio" e pediulle que "poña como mínimo o mesmo interese en atopar unha ubicación para a EDAR" como o que "está poñendo" nas citadas xuntanzas.
O voceiro do PP, Ángel Moldes, amosouse "francamente sorprendido" de que o goberno local "atope tempo" para fomentar reunións nas que se "insulta e ataca" os traballadores de empresas legais –moitos deles residentes en Poio- e, sobre todo, de que se pida o enfrontamento entre veciños "mentres non fan absolutamente nada sobre o problema ambiental grave que sofre Poio: a ausencia de depuración de augas en Raxó e Samieira".
Moldes recordou que ano e medio despois das últimas eleccións, o concello segue "sen dar un paso" para solucionar a inexistencia dunha EDAR para esas dúas parroquias, o que convirte a Poio no único concello de máis de 10.000 habitantes sen depuradora propia.
O voceiro popular subliñou que a contaminación por augas fecais provocada pola ausencia da EDAR levou ao peche de bancos marisqueiros e á prohibición de baño en praias do Concello "prexudicando seriamente e economía dos máis de 800 veciños de Poio que viven do marisqueo e dos milleiros que dependen do turismo".