O voceiro municipal do Partido Popular de Caldas de Reis, Fernando Pérez, lamentou o retraso municipal polo Centro de Saúde.
Os populares destacaron que o tan ansiado novo Centro de Saúde que Caldas necesita conta con financiamento para a súa construción no novo orzamento da Xunta de Galicia "pero o bipartito non é quen de asinar o convenio para iniciar a redacción do proxecto".
Fernando Pérez critica a "desvergoña" do goberno PSOE – BNG "de enviarlle, recentemente, unha carta á consellería dicíndolle que aínda non dispón dos terreos para o acceso á parcela".
Pero ademais, engade o PP que "a deriva deste bipartito chega ao extremo de que no Parlamento de Galicia presentan unhas emendas para Caldas non coincidintes", polo que sinala que socialistas e nacionalistas "nin teñen un proxecto común de pobo, nin concordan coas súas demandas e, por suposto, sitúanse nunhas contías moi afastadas das que o Concello precisa e que están por baixo das aprobadas pola propia Xunta".
Así, o PP revelou que o Bloque presentou nas súas emendas a dotación de só un millón de euros para o novo Centro de Saúde mentres o PSOE limitounas a 500.000 euros.
"Non saben, ou non queren saber, que esta construción se financia con cargo o Plan de Infraestruturas de Atención Primaria e que o que teñen eles que facer é asinar o convenio que está no Concello desde hai meses e entregar a parcela con accesos para que a Xunta inicie rapidamente a construción porque está desexando facelo, xa que se considera prioritario”, rematou Pérez.