O PP de Barro lamenta que o bipartito "esquilme as arcas municipais" cun aumento dos gastos en salarios

Barro
14 de xullo 2023

Os 'populares' consideran que se trata dun "auténtico escándalo, que demostra que o alcalde non atendeu aos intereses dos veciños de Barro e "só quixo comprar vontades para asegurarse o seu sillón", sobre todo tras as "manobras iniciais do seu futuro tenente de alcalde para ocupar o seu posto buscando os apoios dos demais grupos da oposición"

Visita de Alfonso Rueda ao PP de Barro no primeiro día de campaña electoral
Visita de Alfonso Rueda ao PP de Barro no primeiro día de campaña electoral / Partido Popular

O PP de Barro reaccionou este venres ao anuncio do BNG e o PSOE de que asinaron un pacto de goberno para a localidade. O grupo municipal 'popular' lamenta que o novo goberno bipartito "vaia esquilmar as arcas municipais cun 50% máis de gastos en soldos". ao manter a adicación exclusiva do alcalde, Xosé Manuel Fernández Abrales, e crear un novo soldo para o tenente de alcalde socialista, José Sanmartín.

Os 'populares' consideran que se trata dun "auténtico escándalo, que demostra que o alcalde non atendeu aos intereses dos veciños de Barro" e "só quixo comprar vontades para asegurarse o seu sillón", sobre todo tras as "manobras iniciais do seu futuro tenente de alcalde para ocupar o seu posto buscando os apoios dos demais grupos da oposición".

O PP concretou que o soldo do alcalde Abraldes, máis o gasto da Seguridade Social, manterase en 45.000 euros anuais como na anterior lexislatura (34.000 euros anuais de salario e 11.000 de Seguridade Social), "pero os petos dos veciños terán que soportar o imposto revolucionario que suporá o gasto anual de 22.500 euros das arcas municipais para un liberado socialista" (17.000 euros anuais máis uns 5.500 de Seguridade Social).

O PP lembra que xa anunciou o seu apoio ás adicacións se non superaban os 45.000 euros anuais do mandato anterior e lamenta que as arcas de Barro "vaian dilapidar 90.000 euros nesta lexislatura nunha segunda adicación".

Critica, ademais, que considera que Barro vai "ter unha peor atención", xa que o pasado mandato o alcalde só se adicaba a xestionar, "con máis erros que acertos", pero esta terá menos tempo para os veciños, xa que, "como pasa en todos os bipartitos, pasará parte do día mirando de esguello e vixiando ao seu socio de intereses e rival político".