O Partido Popular de Barro, ante o inicio das negociacións entre o BNG e o PSOE para formar un goberno de coalicación no municipio, quere esixirlle publicamente ao alcalde en funcións e candidato, Xosé Manuel Fernández Abraldes, "que é a quen lle corresponde liderar este proceso por ser a lista máis votada" que o custo do futuro bipartito non supere en salarios os 44.000 euros anuais que se gastaron no mandato que está a piques de rematar.
Ao respecto, os populares de Barro lembraron que o rexedor tivo un soldo duns 33.000 euros anuais aos que hai que engadirlle uns 11.000 euros máis de gastos de Seguridade Social e consideran que esta contía "é unha liña vermella que non se debe rebasar nas negociacións entre o BNG e o PSOE, xa que parecería que se están a mercar vontades e estabilidade a costa de perxudicar aos veciños, xa que o diñeiro que se incremente nos salarios vai en detrimento de obras, servizos e investimentos".
Dende o PP de Barro aseguran "entender" que se repita un pacto entre BNG e PSOE, posto que os nacionalistas foron a lista máis votada e os socialistas "sempre lles fan de muleta cando se necesitan ao igual que sucede á inversa".
Ademais, lembraron que xa houbo un bipartito entre estes dous partidos no mandato 2015-2019 "que foi nefasto e por iso os veciños desbotárono á primeira, pero parece que queren repetir erros e, dado que lle dan os números, nos imos respectalo e incluso darlles un marxe de cortesía, pero ese pacto non pode producirse a costa dos petos dos veciños de Barro".