O PP culpa ao Concello do ERE extintivo anunciado por Elnosa

Pontevedra
02 de decembro 2017

Desde o goberno local, a alcaldesa accidental, Carme da Silva, acusou á empresa de estar a utilizar como aos traballadores de Elnosa como "chantaxe" para "consentir que a empresa siga aí todo o tempo que queira" e sinalou á Xunta e ao PP como "cómplices" nesta estratexia

Manifestación dos traballadores de Elnosa polas rúas de Pontevedra
Manifestación dos traballadores de Elnosa polas rúas de Pontevedra / Mónica Patxot

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, culpou ao goberno local de Pontevedra da decisión de Elnosa de eliminar dez postos de traballo nas empresas auxiliares e levar a cabo un ERE extintivo co que prescindirán, en principio, doutros dez traballadores do persoal da fábrica.

"Probablemente o goberno de Lores esté contento ante esta situación, nós non", dixo Moreira tras lembrar que os donos da cloreira "en Pontevedra o único que atopan é impedimentos por parte do goberno local".

O portavoz popular desexou que o Ministerio de Medio Ambiente resolva pronto a solicitude de prórroga realizada por Elnosa aínda que advertiu que "o BNG de Lores non facilitará a Elnosa a súa continuidade en Pontevedra", sentenciou.

Desde o goberno local, a alcaldesa accidental, Carme da Silva, acusou á empresa de estar a utilizar como aos traballadores de Elnosa como "chantaxe" para "consentir que a empresa siga aí todo o tempo que queira" e sinalou á Xunta e ao PP como "cómplices" nesta estratexia.

Da Silva lembrou que a multinacional portuguesa CUF comprou como unha "instalación en desguace" a fábrica de Lourizán xa que estaba "en prórroga para a produción de cloro con este procedemento e ademais con data de caducidade na súa concesión de Costas" e destacou que "a empresa tivo tempo, tempo e tempo" para preparar o seu traslado a unha localización diferente, chegando mesmo a un acordo anunciado pola Xunta.

Concluíu que "aquí teñen responsabilidades, o PP, a Xunta, e o Goberno central" e criticou tamén a "celeridade" da Xunta para conceder de maneira inminente a Autorización Ambiental Integrada á empresa dun modo "pouco serio" e "pouco rigoroso" cando aínda faltan por entregar algúns informes municipais.

Pola súa banda, o portavoz de Marea de Pontevedra, Luís Rei, reiterou a postura da súa formación sobre Elnosa esixindo o cesamento da actividade da cloreira en Lourizán como "primeiro paso" para a recuperación dos terreos e as marismas.

Arquivado en